publicidade hoxe

O deseño de Andrea Rodríguez será o encargado de anunciar a XXXVI Feira do Viño de Amandi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O traballo gañador do concurso convocado polo Concello de Sober para elaborar o cartel anunciador da XXXVI Feira do Viño de Amandi foi o da monfortina Andrea Rodríguez López coa proposta titulada “Verterse el vino es buen sino”.

O xurado estivo formado por Humberto Loureiro, Sol Ocampo e Alejandro Ciurluni. Entre todos acordaron por unanimidade que o gañador fora a proposta de Andrea Rodríguez, que xa se fixo co premio o pasado ano, pola súa calidade e por ser o que garda máis relación coa Ribeira Sacra.

O xurado acordou tamén conceder un accésit como finalistas aos carteis FVA de Susana Ibáñez Freiría, de Noáin (Navarra); Patrimonio de Amandi en una botella de José Luis Rodríguez Gómez, de Monforte;  Concepto de Rubén Lucas García, de Torreaguera (Murcia); e Da Ribeira de Esteban Bernárdez Fuentes, de Vigo.

O primeiro premio está dotado con 600 euros. Os accésit contarán cun diploma, un estoxo de viño e un lugar destacado na exposición que se faga con todos os traballos.

O xurado destacou o nivel dos 30 traballos presentados chegados de toda España. Hai orixinais de A Coruña, Mos (Pontevedra), Medina del Campo (Valladolid), Castropol (Asturias), O Incio, Ourense,  Talavera de la Reina (Toledo), Allariz, Monforte, O Incio, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Pantón e Sober.

O equipo de Goberno fará unha exposición con todos eles que se inaugurará o 19 de marzo, coincidindo coa apertura da XXXVI Feira do viño de Amandi, e permanecerá aberta ata o 20 de abril. 

O cartel gañador farase público o sábado día 20 de febreiro na contorna dos Muíños do Xabrega nun evento no que se darán a coñecer os actos que formarán parte do ‘Mes do Amandi’ e da XXXVI Feira do Viño de Amandi. 

O Goberno local anuncia que na próxima edición as bases limitarán a dous os anos nos que un participante pode facerse co premio para permitir o acceso a novos creadores.

10 de febreiro de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.