publicidade hoxe

O Concello de Mos recibirá co Plan Concellos 2016 un 28,6 % máis que o pasado ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosPontevedra
A-
A+

O Concello de Mos vai recibir ao longo deste ano, dentro das axudas do Plan Concellos 2016, un total de 888.158,42 euros, o que representa un 28,6 % máis que o que lle correspondeu ao longo de 2015.

Así, mentres o ano pasado por cada veciño e veciña de Mos o Concello percibiu unha subvención de 45,04 euros, ao longo de 2016 esa cantidade pasará a ser de 57,95 euros. Estas cantidades só no que corresponde ao Plan Concellos 2016, sen contar o resto de axudas e subvencións ás que teñen dereito dentro doutros apartados da Deputación de Pontevedra.

O Plan Concellos 2016 supón unha transferencia de 40 millóns de euros que a Deputación pon a disposición dos 60 concellos da provincia para desenvolver políticas de emprego, investimentos, cultura, etc. Este plan repártese en 16 millóns de forma lineal entre os concellos da provincia, de forma que a cada un lle corresponde unha cantidade fixa de 266.666,67 euros. A cantidade restante, 24 millóns de euros, repartirase atendendo a tres criterios: a poboación de cada concello (o 60 %), a súa superficie (20 %) e os seus núcleos de poboación (20 %).

O plan marca catro liñas de axuda: para investimentos, para afrontar necesidades de gasto corrente, para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais dos concellos e para financiar o emprego.

Deste xeito elimínase a libre disposición do anterior presidente das partidas orzamentarias e cada concello sabe, dun xeito transparente, as cantidades que vai recibir para adecuar os seus orzamentos.

De feito, nos primeiros días de 2016 o Concello de Mos xa ten adxudicadas axudas por valor de 216.761,22 euros, o que representa case que o 25 % das subvencións que lle corresponden en todo o ano.

En concreto, aprobouse a cantidade de 192.761,22 euros para a contratación de vinte persoas dentro do plan de emprego; dez mil euros para a celebración da Festa da Rosa; 7.000 euros para a cabalgata dos Reis Magos; e outros 7.000 euros para as festas do Entroido.

16 de febreiro de 2016 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.