publicidade hoxe

O Concello de Mos denuncia as deficiencias existentes nos seus viais provinciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o voceiro mosense do Partido Popular, Camilo Augusto, informaron hoxe de que o grupo municipal do PP levará ó Pleno ordinario que se celebrará o vindeiro 29 de febreiro unha moción sobre o Parque de Maquinarias da Deputación de Pontevedra, que leva sen funcionar desde hai seis meses.

As custosas máquinas, valoradas en preto de 5 millóns de euros, e os traballadores do servizo están parados desde o mes de agosto, momento no que se retiraron dos concellos e non se volveron a mover do recinto.

“O Parque de Maquinarias foi ata o de agora un referente en Galicia, e ofrecía un servizo moi importante a todos os concellos da provincia, incluído o Concello de Mos. Por todos é sabido que os concellos teñen recursos moi limitados, principalmente os de menor poboación, e este servizo prestaba unha axuda e un servizo fundamentais. Aínda que o seu principal cometido era o mantemento das estradas provinciais, a realidade é que o apoio que prestaba a concellos e colectivos foi moi importante”, explicaba esta mañá o edil Camilo Augusto.

Hai máis de 5 millóns de euros investidos na maquinaria deste parque que se están deteriorando, porque as máquinas deterióranse máis paradas que en funcionamento. Só o equipo completo de aglomerado, composto por unha estendedora e tres pisóns, ten un custe aproximado de 600.000 euros. A este hai que sumar o resto de maquinaria: 4 limpiapraias, 4 desbrozadoras, 4 niveladoras, 2 máquinas de cadeas, 2 pisóns, 2 cisternas de asfalto, un camión de bacheo, 1 retroescavadora, 3 palas mixtas, 6 camións, 1 camión góndola, 1 pala cargadora, unha cisterna de auga e un camión grúa. “A estes gastos hai que incluír tamén a planta de aglomerado, da que saían preto de 1.000 toneladas diarias, así como os gastos do persoal, que diariamente van a traballar sen nada que facer”, engadiu Augusto.

Neste sentido a rexedora local mosense engadiu que “é difícil de entender que os concellos da provincia estean endebedándose contratando a empresas privadas para garantir as mellores condicións de seguridade nas estradas municipais e provinciais, mentres se desaproveitan os recursos humanos e materiais que hai dispoñibles na Deputación de Pontevedra. Non nos parece de recibo que os traballadores de servizo e todas a maquinaria do parque estean parados e desaproveitados,  cando hai moitas e importantes necesidades que cubrir nos concellos. Como exemplo, podemos poñer os danos que as inclemencias climatolóxicas dos últimos meses provocaron en infraestruturas e equipamentos dos concellos, entre eles o noso, o Concello de Mos”.

É por iso que por medio desta moción preténdese chegar ó acordo de instar á Deputación de Pontevedra a que estableza un plan de actuacións co que dar resposta ás necesidades que hai nos concellos e aproveitar os recursos do Parque de Maquinaria que actualmente están parados.

Necesidades viais concretas de Mos

No caso do Concello de Mos, para empezar as dúas estradas provinciais que atravesan o municipio precisan de múltiples actuacións, que se atopan pendentes por estar parado o Parque de Maquinarias da Deputación. Sen ir máis lonxe, e só por poñer algúns exemplos, a Estrada Puxeiros-Mos carece de beirarrúas e padece dunha deficiente limpeza de cunetas; ademais, ó seu paso pola parroquia de Dornelas presenta baches, socabóns, grietas e ausencia de pintado da sinalización horizontal no firme e, ó seu paso por Torroso, hai uns pasos de peóns elevados comprometidos pola administración provincial pendentes de acometer.

E no caso da Estrada Os Valos-Peinador-Puxeiros, esta presenta en Arrufana, parroquia de Louredo, remendos de baches que cómpre optimizar e ausencia de pintado da sinalización horizontal no firme; tamén en Louredo aparecen multitude de baches e rexístrase un deficiente desbroce de cunetas; no Santiaguiño, parroquia de Guizán, hai un poste de alumeado en medio da beirarrúa, un sinal de ceda o paso tumbado na rotonda e numerosos baches; en Peinador o firme presenta grietas e remendos de baches, ó igual que na zona que se atopa á altura do Polígono de Faquiña; e en Puxeiros, contémplase unha preocupante ausencia de pintado da sinalización horizontal no firme, sinais oxidadas na rotonda de Puxeiros e un paso de peóns totalmente despintado co incipiente perigo para os peóns que esta realidade implica.

10 de febreiro de 2016 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.