publicidade hoxe

O Concello de Lalín fará públicos todos os gastos derivados da Feira do Cocido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, anunciou esta mañá que o Concello de Lalín fará públicos  a través da páxina web municipal, www.lalin.gal,  todos os gastos derivados da organización da Feira do Cocido e das súas actividades complementarias. O Goberno municipal pretende así facilitar que todo o mundo poida coñecer de modo absolutamente transparente, claro e comprensible, o diñeiro que se investiu na programación da Feira.

Esta nova iniciativa do Goberno de Lalín a prol da transparencia e da participación cidadá encádrase dentro do “novo xeito de facer política afastado do escurantismo e da opacidade xeral do anterior Goberno do PP que aumentaba en todo o relacionado coa Feira”, explicou o rexedor. Será esta a primeira vez que o Concello faga públicas ante a cidadanía as cifras de diñeiro orixinadas da organización do Cocido, tan pronto finalicen as actividades organizadas a carón da festividade gastronómica, ao contrario do que se facía en anteriores  etapas nas que estes datos se ocultaban e se dificultaba o seu acceso. A súa publicación permitirá seguir avanzando “nesta nova maneira de entender a democracia que vive Lalín, máis aberta e participativa, de acordo ás esixencias da sociedade actual”.

Cuíña destacou a importancia de actuar con absoluta responsabilidade e con total “nitidez” cando se traballa con diñeiro que é de todas e todos os veciños. Deste xeito, considera que “o pobo debe ser o primeiro en coñecer como se gastan uns cartos que saen do seu peto para programar un dos acontecementos máis relevantes do ano no municipio, como é o Cocido”. 

O Goberno local segue mostrando o seu compromiso coa transparencia e coas novas políticas de participación, unha vez que xa puxo en marcha iniciativas como a Moción Cidadá ou a retransmisión das sesións plenarias, coas que se avanzou claramente nesta dirección. 

8 de febreiro de 2016 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.