publicidade hoxe

Nava Castro destaca a importancia de contar cunha rede habilitada para a acollida dos peregrinos na visita ao albergue de Ferreiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaParadela
A-
A+
Nava Castro na visita ao albergue de Ferreiros

Nava Castro na visita ao albergue de Ferreiros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron hoxe o albergue de Ferreiros tras a finalización das súas obras de reforma.

A intervención realizada neste albergue da Rede Pública do Camiño Francés, en Paradela, levou consigo un investimento de preto de 30.000 euros.

A actuación implicou a construción dun aseo independente adaptado para persoas con discapacidade, a reforma da zona de acceso, a separación do lavadoiro-tendedeiro da cociña e o peche da zona destinada a persoas de control do albergue.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa visita que esta reforma constitúe unha nova iniciativa a prol da mellora da Rede Pública de Albergues e polo tanto, do Camiño de Santiago.

Neste senso, Nava Castro destacou que a Xunta de Galicia realiza labores de mantemento, reparación e mellora continúas a prol da conservación e protección desta rede de albergues pública que suma na actualidade un total de 70 establecementos que no pasado ano 2015 acolleron un total de 334.975 peregrinos.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que o feito de ter unha rede perfectamente estruturada e habilitada para a acollida dos peregrinos resulta fundamental xa que, segundo sinalou, o Camiño de Santiago converteuse no produto estrela de Galicia e o noso principal elemento captador de turismo internacional.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia á forte progresión ascendente que esta a experimentar o número de peregrinos que realizan cada ano a Ruta Xacobea. Así, Nava Castro sinalou que no pasado ano 2015 chegaron a Santiago de Compostela un total de 262.515 peregrinos, o que supuxo unha cifra histórica, e que neste ano este dato estase superando. “O Camiño rexistrou no mes de xaneiro a cifra dos 1.307 peregrinos, o que supón un aumento do 7,4% en relación ao mes de xaneiro do pasado ano”, afirmou.

Nova sinalización

Por outra parte, Nava Castro recordou outra das accións que está a levar a cabo Turismo de Galicia para a mellora do Camiño Francés: a nova sinalización.

A directora de Turismo de Galicia explicou que se trata dunha intervención que contribúe a mellorar a información que desde a Comunidade Autónoma ofrécese aos peregrinos.

Neste senso, destacou que a nova sinalización mantén as históricas mouteiras do Camiño así como a frecha amarela creada por un dos grandes impulsores da peregrinación xacobea, Elías Valiña.

Ademais, Nava Castro explicou que naqueles puntos emblemáticos do Camiño de Santiago se colocarán unhas mouteiras simbólicas como conmemoración das colocadas no ano 1986, como é o caso do Cebreiro onde xa está emprazada.

4 de febreiro de 2016 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.