publicidade hoxe

Medio Rural colaborará na XXXVI Exaltación do Viño da Ulla que se celebrará en Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVedra
A-
A+

A Consellería do Medio Rural colaborará coa organización da Exaltación do Viño da Ulla, que terá lugar o vindeiro día 10 de abril no concello coruñés de Vedra, na parroquia de San Miguel de Sarandón. Así llo confirmou a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, ao alcalde da localidade, Carlos Martínez Carrillo, nunha xuntanza de traballo en San Caetano.

Ángeles Vázquez destacou a importancia desta festa e o feito de que este ano acade a súa edición número 36, o que dá idea –dixo– da súa consolidación como un dos eventos enogastronómicos de referencia en Galicia.

A conselleira lembrou ademais que a Ribeira do Ulla é unha das subzonas amparadas dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta área de produción está conformada por un total de 8 concellos, 5 deles na provincia da Coruña, (Teo, Boqueixón, Touro e Padrón, ademais de Vedra), e os 3 restantes na de Pontevedra (A Estrada, Vila de Cruces e Silleda).

Nesta xuntanza Ángeles Vázquez e o rexedor municipal de Vedra abordaron tamén diferentes temas relacionados co medio rural neste concello, para traballar conxuntamente na xestión das súas necesidades. A titular de Medio Rural ofreceu ao alcalde a colaboración do seu departamento para actuar a prol da mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

3 de febreiro de 2016 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.