publicidade hoxe

López-Chaves visita as obras no CEIP Humberto Juanes de Nigrán por valor de 60.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+
López Chaves na visita ao CEIP Humberto Juanes

López Chaves na visita ao CEIP Humberto Juanes

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá as instalacións do CEIP Humberto Juanes de Nigrán, onde comprobou o remate das obras levadas a cabo no centro escolar, coa intención de reducir o excesivo consumo de combustible na calefacción do centro e, ao mesmo tempo, actualizar todas as conducións existentes no edificio de primaria, ximnasio e infantil.

Os traballos centráronse no cambio de combustible de gasóleo a gas natural, na caldeira de primaria e infantil, a distribución dentro da parcela da liña de alimentación de gas natural, o desdobramento dos circuítos de calefacción en norte-sur, administración e ximnasio, e tamén en mellorar a regulación cunha nova central de regulación.

Nos últimos anos e dende a Xunta de Galicia foron varias as intervencións feitas neste centro escolar solicitadas pola dirección, acometeuse a construción de aseos para discapacitados así como a renovación do pavimento do ximnasio, obras nas que se investiron 25.000 euros.

A oportunidade da visita tamén permitiu que a directora do centro mostrase ao delegado da Xunta as instalacións do CEIP e compartir momentos de conversa con alumnos que alí cursan os seus estudos.

López-Chaves destacou o esforzo investidor da Xunta de Galicia no período 2009-2015 tanto na educación primaria como na secundaria no Concello de Nigrán, investimentos que ascenden aos 600.000 euros, o que demostra a aposta da Xunta pola ensinanza pública.
Tras a visita ao centro escolar, o delegado da Xunta e o alcalde de Nigrán achegáronse ata a desembocadura do río Muíños na praia de Lourido-Praia América onde comprobaron o estado actual do areal e o complexo dunar.

O delegado trasladou ao alcalde a información que manexa a Xunta en materia medioambiental e sobre todo nestas accións onde os temporais e as mareas vivas causan este tipo de desfeitas.

López-Chaves manifestou a total disposición para que desde os distintos departamentos da Xunta de Galicia que puidesen ter competencias nesta materia se facilite o asesoramento necesario.

18 de febreiro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.