Liberan a unha persoa atrapada no seu vehículo tras un accidente en Esgos
Os Bombeiros de Ourense interviñeron na tarde deste xoves nun accidente de tráfico rexistrado na localidade ourensana de Esgos, onde tiveron que liberar a unha persoa que quedara atrapada no seu vehículo. No suceso resultou ferida outra persoa.
Segundo a información do Centro de Atención a Emerxencias 112-Galicia, o accidente aconteceu sobre as 19.15 horas deste xoves na estrada OU-536, que une Ourense e Trives, onde colisionaron dous vehículos.
Ademais dos Bombeiros, ata o lugar do suceso desprazáronse efectivos do GES de Pereiro de Aguiar, a Garda Civil de Tráfico e persoal de Protección Civil de Esgos e de Maceda. O 061 trasladou a un centro hospitalario tanto á persoa atrapada coma a outra que resultou ferida.