publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Fomento comprométese a financiar novas obras de rehabilitación na catedral de Tui e no Mosteiro de Melón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelónPortada esquerdaTui
A-
A+
Ana Pastor e Román Rodríguez na sinatura do convenio

Ana Pastor e Román Rodríguez na sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, asinaron hoxe protocolos de colaboración polos que que o Goberno central se compromete a financiar o acondicionamento para usos culturais de varias dependencias do conxunto catedralicio de Tui, así como a primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do Mosteiro de Melón. A sinatura destes acordos reafirma o compromiso de ambas administracións coa conservación dos dous monumentos, declarados Ben de Interese Cultural. As intervencións suporán un investimento por parte do Ministerio de Fomento de 2,35 millóns de euros.

Deste xeito, e en liña coas actuacións xa desenvolvidas pola Consellería nos devanditos bens, contribúese a que a cidadanía poida coñecer o patrimonio cultural galega, favorecendo ao tempo o valor e atractivo turísticos destes espazos e a súa contorna.

Catedral de Tui

No referido ao conxunto catedralicio de Tui, as obras obxecto do protocolo consistirán no acondicionamento das dependencias do antigo pazo episcopal, edificio claustral, para destinalas a usos culturais compatibilizándoos co uso institucional e representativo do bispado. A obra suporá un investimento de máis de 552.340,97 euros e xa está licitada, polo que podería executarse cara o verán e estar rematada antes de finalizar o ano.

Os principais traballos que contempla o proxecto son a restauración da cuberta do edificio, o saneamento de xuntas da fábrica e renovación dos tabiques interiores, a reparación das reixas de forxa e eliminación das reixas non históricas e sen función e a reparación ou substitución da práctica totalidade do pavimento das dependencias obxecto da obra. Ademais repararanse ou mudaranse as carpinterías de madeira, segundo o seu estado de conservación; e remodelaranse as instalacións existentes, aproveitando todos os mecanismos e accesorios que sexa posible co fin de garantir a conservación máis tradicional posible do edificio.

Esta nova intervención supón elevar o investimento realizado desde 2009 na recuperación deste templo a case 1 millón de euros. Neste sentido cómpre lembrar que se desenvolveron traballos de restauración da fachada norte e tarefas de limpeza e impermeabilización e retellado nas cubertas das torres da Catedral, da Sala Capitular, do Pazo da Contadoría, do presbiterio e capela de San Telmo, do Triforio norte e do Transepto norte; así como actuacións para a conservación das fábricas pétreas da Torre de San Andrés, Campanario e Salón do Trono e a protección do arquivo catedralicio. Así mesmo substituíronse algunhas carpinterías, revisáronse os canlóns e enchumbados da zona norte do Conxunto catedralicio, e realizáronse estudos dos movementos estruturais e das pinturas murais da Sala Capitular Gótica.

Mosteiro de Melón

No que atinxe á primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do Mosteiro de Melón, o orzamento previsto ascende aos 1,8 millóns de euros. Nesta primeira fase o proxecto consiste fundamentalmente na rehabilitación das alas norte e oeste do claustro da hospedaría nas súas plantas baixa, alta e cuberta, así como a recuperación e restauración do pavimento do mesmo. Ademais, executarase a rehabilitación da porta exterior de acceso ao adro do mosteiro (torre leste) debido ao seu mal estado de conservación.

Con esta nova actuación o investimento para a restauración deste BIC achegaríase aos 4 millóns de euros. Neste sentido cómpre lembrar que no 2015 a Consellería executou traballos de consolidación estrutural dos paramentos interiores da esquina suroeste do cruceiro, no seu encontro coa fachada principal, e substitución das cubertas das ábsidas da igrexa, deambulatorio e Capela do Cristo da Saúde, construíndo unha nova cubrición de tella sobre placas de fibrocemento e o illamento axeitado. Ademais, limpáronse, desinsectáronse e consolidáronse as pezas do retablo de san Xosé, na igrexa do Mosteiro; consolidáronse desde o interior os muros da esquina suroeste da igrexa e da pilastra da esquina do claustro reglar e limpouse a fábrica do campanario da igrexa.

Con esta actuación completáronse as melloras realizadas no ano 2012, que incluíron a reparación do cimborrio, e o resto das cubertas do templo, así como o reforzo dun contraforte da esquina nordeste do claustro; así como as realizadas nos anos 2009 e 2010 para a consolidación deste Mosteiro.

Plan director

Ademais, a Consellería financiou o Plan Director e de usos do conxunto do Mosteiro de Melón, elaborado polo arquitecto Juan Carlos Cabanelas, que analiza as posibilidades de rehabilitación deste ben histórico no actual marco económico e propón previsións a curto, medio e longo prazo, buscando que esta actuación sexa, a súa vez, compatible co seu valor cultural e o seu uso público.

De feito, esta nova intervención no Claustro da Hospedaría enmárcase no devandito Plan. Para poder executar a obra, a Consellería asumiu a contratación e pagamento tanto do estudo arqueolóxico de depósitos como do proxecto da obra.

17 de febreiro de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.