publicidade hoxe

Ethel Vázquez supervisa o inicio das obras de emerxencia en estradas afectadas polo temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCrecente
A-
A+
Ethel Vázquez supervisa as obras de emerxencia das estradas afectadas polo temporal

Ethel Vázquez supervisa as obras de emerxencia das estradas afectadas polo temporal

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o inicio das obras de emerxencia en estradas afectadas polo temporal da fin de semana pasada ás que a Xunta destina unha partida extraordinaria de 1,3 millóns de euros. Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, visitou os concellos de Crecente e Arbo, onde hoxe comezan actuacións para arranxar desperfectos en varias vías.

No Concello de Crecente, a Xunta investirá máis de 340.000 euros para arranxar cinco estradas afectadas polas intensas chuvias. Na xornada de hoxe comezaron os traballos na estrada que une A Cañiza e Filgueira (PO-406), concretamente no PQ 6+600, onde se produciu un desprendemento. Para solucionar este problema levaranse cabo unhas obras urxentes, cun orzamento de 133.000 euros, que consistirán na estabilización do noiro, reposición do muro de contención e execución de accións de drenaxe.

No Concello de Arbo, o Executivo autonómico achegará preto de 200.000 euros para executar traballos en estradas nas que se produciron incidencias. A responsable de Infraestruturas visitou esta mañá a estrada Salvaterra-Filgueira (PO-400), no PK 18+850, onde tamén se derrubou un noiro tras as intensas precipitacións.

A conselleira indicou que o obxectivo primordial deste tipo de accións é blindar a seguridade e garantir que os cidadáns poidan circular con absoluta normalidade pola totalidade das estadas galegas no menor tempo posible. Neste sentido, engadiu que a Xunta, consciente dos impactos que o temporal causou en moitos municipios, está ao carón destes dende o primeiro día coa vontade de colaborar na solución de problemas e resaltou a necesidade de que outras Administracións amosen a mesma disposición e sensibilidade que o Goberno galego ou o Ministerio de Fomento.

Segundo detalla o informe elaborado pola Axencia Galega de Infraestruturas, contabilizáronse 51 incidencias a consecuencia das intensas chuvias e das escorrentas rexistradas nos días centrais de febreiro, que se elevan a case 100 ao sumar as provocadas polo temporal de xaneiro. Cabe destacar que unha das zonas máis afectadas foi, precisamente, o sur da provincia de Pontevedra.

Vázquez concretou que grazas á mobilización de medios, materiais e humanos, do persoal técnico e dos equipos de traballo das empresas de conservación e da propia AXI, a meirande parte dos danos xa foron reparados.

22 de febreiro de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.