publicidade hoxe

Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda traballarán en conxunto para executar a urbanización do contorno do futuro centro de día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínPontevedraSilleda
A-
A+

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e mostrou a disposición da Deputación para transformar a estrada provincial que pasa por diante da parcela do futuro centro de día nun espazo de prioridade peonil que integre o novo edificio. “Hai que traballar en conxunto para transformar esta estrada provincial, na que hai prioridade dos vehícul0s, nunha estrada na que se potencien os tráficos peonís e na que haxa itinerarios seguros para que os usuarios e veciños poidan chegar camiñando ata o centro da vila”, explicou.

Benítez comprometeuse a que a Deputación estudará as posibilidades de execución da reurbanización da estrada provincial e a viabilidade de incluíla en próximos plans de investimento provinciais. Neste sentido, subliñou que a idea que formula o Concello de Silleda cumpre, á falta de estudala máis profundamente, co decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais que se aprobou recentemente no Pleno da Corporación provincial.

Como primeiro paso xa se organizou unha reunión entre os técnicos provinciais e o equipo de arquitectos encargados do proxecto do centro de día, que aínda non está finalizado. O obxectivo do encontro é buscar que a urbanización interior da parcela do equipamento se deseñe de forma coordinada coa modificación da vía que a rodea, acordando, polas dúas partes, unha visión global do espazo que cubra as necesidades de mobilidade dos usuarios.

O deputado de Mobilidade sinalou que esta vía requirirá actuacións de redución de velocidade para os vehículos, contemplando a posibilidade de ampliar a zona 30, existente nas inmediacións do campo de fútbol, a todo o tramo (desde a glorieta), así como a posible instalación de máis lombos. “Ten que haber unha unión camiñando entre o futuro centro de día e o centro urbano, habilitando rutas peonís seguras ata o lugar”, finalizou.

Benítez entendeu que a urbanización do contorno do centro de día é a prioridade fundamental do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, quen tamén propuxo outras actuacións nas vías provinciais, coma a mellora do acceso aos castros de Toiríz, da vía de acceso á parroquia de Cira ou da senda que vai desde a estrada N-525 ata o Instituto Pintor Colmeiro.

Segundo manifestou o alcalde tras o encontro co deputado Uxío Benítez e o asesor Jesús Fole, “a reunión foi altamente satisfactoria, onde se trataron temas de moita importancia para o Concello; o principal, a urbanización do contorno do futuro Centro de Día Residencial de Maiores, a obra máis urxente e necesaria para Silleda”. O rexedor agradeceu “a boa predisposición do deputado e dos técnicos para, entre todos, acadar unha actuación importante en beneficio de todos os veciños e usuarios”.

Lalín

Por outra banda, o deputado de Mobilidade e o asesor provincial tamén se reuniron co alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, quen formulou as necesidades en materia de mobilidade deste concello da comarca de Deza. Cuiña manifestou a súa admiración polo traballo feito no deseño do modelo urbano de Pontevedra e solicitou a colaboración da institución provincial na mellora que o goberno local quere levar adiante na vila. Neste sentido, Benítez lembrou que a Deputación está a traballar cos concellos para facilitarlles a redacción de plans de mobilidade en zonas nas que se prevén peonalizacións ou melloras de itinerarios peonís. De feito, apuntou que o primeiro punto do decálogo de criterios de actuación da nova Deputación é centrar nas persoas todas as actuacións que se leven adiante.

Por outra banda, o rexedor lalinense tamén puxo enriba da mesa a posibilidade de crear unha senda peonil que conecte a carballeira de Barcia, actuación que encadraría perfectamente na filosofía do novo goberno provincial. Entre outras cuestións tamén se solicitou a mellora doutras estradas provinciais e o seu correcto mantemento por parte das brigadas da Deputación.

O deputado Uxío Benítez, que visitou varias das estradas provinciais in situ para comprobar o seu estado, agradeceu a cordialidade da reunión e manifestou a disposición da institución provincial de mellorar as infraestruturas do concello lalinense na medida do posible.

24 de febreiro de 2016 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.