publicidade hoxe

Deputación de Pontevedra e Concello de Pontecesures impulsan proxectos no municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesuresPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na reunión coa alcaldesa de Pontecesures

Carmela Silva na reunión coa alcaldesa de Pontecesures

A presidenta da Deputación visitou esta mañá o Concello de Pontecesures, no marco da serie de visitas que está a realizar para coñecer de primeira man as demandas das alcaldesas e os alcaldes da provincia de Pontevedra, así como as necesidades das veciñas e os veciños dos 60 concellos pontevedreses. Silva, nun clima de total cordialidade, garantiulle á alcaldesa, Cecilia Tarela, a máxima colaboración da institución para impulsar proxectos en Pontecesures.

Este ano, a vila recibirá preto de 360.000 euros, 27.400 euros máis que no ano 2015, dentro do reparto equitativo do Plan Concellos da Deputación. Carmela Silva explicou que agora “todos os concellos da provincia saben con canto diñeiro van contar, repartido, por vez primeira, con criterios obxectivos e transparentes”. A presidenta destacou que “en contraposición con outros concellos, que coa mesma poboación que Pontecesures recibían de libre disposición catro veces máis do que lles correspondía, esta vila foi discriminada polo anterior presidente da Deputación”. Neste contexto, Silva destacou que “estamos estudando os equipamentos e as necesidades dos concellos para responder e resolver esta discriminación histórica que moitos, entre os que se atopan Pontecesures, tiñan sufrido”.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para dar a coñecer outros investimentos que a Deputación está a realizar en Pontecesures. Así, acábaselle de conceder á localidade unha achega de 4.405,88 euros para o mantemento de instalacións deportivas. A través dela o Concello instalará megafonía no polideportivo municipal e substituirá válvulas danadas no sistema de rega do campo de fútbol municipal. Ademais, esta semana a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará unha achega de preto de 76.000 euros para que o Concello de Pontecesures poida contratar tres peóns de obra pública, dous peóns de auxiliares de xardinería, tres peóns de limpeza de edificios e fachadas e un técnico de protección civil.

A presidenta tamén subliñou que o Concello de Pontecesures forma parte do proxecto que a institución provincial está a desenvolver para impulsar e acondicionar os concellos polos que pasa o Camiño Portugués a Santiago de Compostela; este é un dos 13 municipios que participan na actuación.

Pola súa banda, Cecilia Tarela, alcaldesa de Pontecesures, valorou coa presidenta da Deputación as anomalías na instalación da iluminación no pavillón. Ao respecto Silva manifestou a súa total colaboración para buscar fórmulas de financiamento que permitan solucionar este problema, herdado da antiga corporación. A alcaldesa tamén deu a coñecer a problemática que ocasionan as humidades existentes no pavillón do concello. Neste sentido, a presidenta comprometeuse a poñer a disposición do Concello técnicos para realizar estudos que permitan determinar e analizar a súa causa.

16 de febreiro de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.