publicidade hoxe

Deputación de Pontevedra e Concello da Illa de Arousa colocan a primeira pedra do Edificio de Usos Náuticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na colocación da primeira pedra

Carmela Silva na colocación da primeira pedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado provincial de cooperación, David Regades, e o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, colocaron a primeira pedra do edificio de usos náutico-deportivos da localidade. Carmela Silva subliñou que, “con este acto, darán comezo as obras dun edificio que responde á reivindicación histórica das veciñas e os veciños da Illa de Arousa, polo que levaban moitos anos esperando” e adiantou que antes de que remate o ano estará construído.

Silva fixo fincapé no vínculo existente entre A Illa de Arousa e o mar, xa que esta localidade ten o porto co maior número de embarcacións tradicionais de Galicia, “un patrimonio que carecía dun soporte físico en condicións, polo que era necesario a construción dunha infraestrutura específica dedicada ao mundo náutico”. Neste contexto, a presidenta da Deputación quixo poñer en valor o Concello da Illa de Arousa, “que aporta máis de 500.000 € para a construción do Edificio de Usos Náuticos, facendo un gran esforzo económico para impulsar esta actuación, sobre todo tendo en conta os tempos que vivimos”.

Este edificio vai ser empregado polo club de piragüismo e a escola de navegación tradicional Dorna que, “aínda que non sempre é fácil, se puxeron de acordo para compartir xenerosamente este espazo público”. Ata o de agora ambos os dous clubs tiñan as embarcacións á intemperie polo que no inverno tiñan que alugar unha nave ou, no caso da escola, gardar o material nun galpón con máis de 30 anos de antigüidade e en estado precario.

Grazas ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da Illa de Arousa será posible dispoñer dun espazo cunha superficie total de 1.600 m2, situado na beira sur do Bao. O club de piragüismo contará con 440 m2 e a escola de navegación con 475 m2, cunha zona de almacenaxe para 60 dornas. Terá tamén un ximnasio de 145 m2, unha aula de formación, vestiarios, aseos comúns, unha cafetería, un taller de reparación e pintura para as embarcacións tradicionais e un lugar para o secado de velas.

O edificio, cunha cuberta en forma de vela e integrado na paisaxe, está deseñado para converterse nun referente do municipio e nun espazo de lecer e punto de encontro para todos os cidadáns da Illa de Arousa; para iso, instalarase unha bancada no teito, con capacidade para unhas 600 persoas, unha terraza e unha zona que será un miradoiro á ría de Arousa.

A obra será executada pola empresa Ogmios Proxecto S. L. por 1.275.000 € e durante 10 meses, polo que se estima que estará rematada no Nadal. O proxecto foi realizado polo arquitecto da Deputación de Pontevedra, José Enrique Pérez-Ardá, e a arquitecta do Concello da Illa de Arousa, Pastora Paradas. Ao respecto, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recoñeceu o labor do equipo técnico e puxo en valor o compromiso dos funcionarios públicos.

25 de febreiro de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.