publicidade hoxe

David Regades inaugura o viveiro de empresas de Lalín cunhas xornadas sobre emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Inauguración do Viveiro de Empresas de Lalín

Inauguración do Viveiro de Empresas de Lalín

O deputado provincial de Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades, inaugurou esta mañá o viveiro de empresas do polígono de Lalín, acompañado polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, polo director xeral da Fundación INCYDE (Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa), Javier Collado Cortés, e polo presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Eduardo Miguel Barros Pereira. O acto de inauguración rematou cunhas xornadas sobre emprendemento enmarcadas na Semana Europea das PEME, Startup Europe Week, impulsada pola Comisión Europea para o fomento da creación de novas empresas.

Regades destacou que unha das máximas do novo goberno da Deputación de Pontevedra “é a loita contra o desemprego para converter a provincia nun territorio próspero con maiores posibilidades de futuro”. Neste contexto o deputado subliñou que, en tan só sete meses, o goberno da institución destinou un 20,5 % máis de recursos ao fomento do emprego, investindo 15,3 millóns de euros en planificar estratexias de desenvolvemento coa finalidade de fomentar o crecemento económico e o progreso social da provincia de Pontevedra.

Co obxectivo de impulsar o emprego e lanzar proxectos empresariais a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos emprendedores, no viveiro de empresas de Lalín, tres naves cunha superficie de ata 143 metros cadrados, cinco oficinas con ata 18 metros cadrados e un espazo de coworking de 92 metros cadrados con capacidade para 16 postos de traballo, nos que a Deputación dará acollida, durante un ano, ás empresas Kuzunguka App Developers, Stoutic Computing Technologies e Inés Ferreiroa Louzao, acompañándoas e prestándolles servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto co fin de facilitar o desenvolvemento de iniciativas económicas de interese para Lalín e para toda a provincia. Neste sentido, o deputado provincial asegurou que o Concello de Lalín será escoitado á hora de valorar as empresas que se instalen no viveiro do polígono industrial.

Regades destacou que a Deputación de Pontevedra pretende que o viveiro de Lalín se converta “no lugar onde os proxectos medran de xeito competitivo, consolidando solucións óptimas en xestión de recursos, incrementando o valor da innovación para fortalecer o tecido empresarial, creando emprego, mellorando a prestación de servizos e desenvolvendo novos produtos e modelos de negocio”.

Ademais, a institución provincial impulsará no polígono de Lalín, coa colaboración da Escola de Organización Industrial, espazos de coworking para fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos novos proxectos empresariais, incorporándoos en aceleradores e impulsando un proceso de asesoría personalizada e formación para potenciar o desenvolvemento de competencias en xestión de proxectos.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, recordou que a localidade “é terra de emprendedores, de empresarios feitos a si mesmos”, e manifestou o seu agradecemento á Deputación e á súa presidenta, Carmela Silva, “por converter a institución provincial nun referente do bo funcionamento das administracións públicas e impulsar este viveiro, xerme de novos proxectos para Lalín”. Cuiña concluíu a súa intervención sinalando que “Lalín se está a converter no centro neurálxico do rexurdir empresarial de Galicia”.

Pola súa banda, Javier Collado Cortés, director xeral da Fundación INCYDE, recordou que, ao longo da historia da fundación, se impulsaron xa máis de 120.000 proxectos emprendedores e manifestou o seu desexo de “ver repleto este viveiro de Lalín”. Nesta mesma liña falou Eduardo Miguel Barros Pereira, presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, quen, ademais, destacou as tarefas que desenvolven as cámaras para apoiar, formar e asesorar os proxectos emprendedores baseados na internacionalización, nas novas tecnoloxías e na innovación.

O acto de inauguración rematou cunhas xornadas sobre emprendemento enmarcadas na Semana Europea das PEME, Startup Europe Week, impulsada pola Comisión Europea para o fomento da creación de novas empresas. A través destas xornadas, tal e como subliñou o deputado provincial David Regades, “queremos reivindicar a importancia e necesidade dos emprendedores para a nosa sociedade, máis nun momento como o que nos tocou vivir na actualidade, xa que, a través das súas iniciativas e valentía, contribúen á xeración de riqueza, á creación de postos de traballo, á innovación e á competitividade”. Neste contexto as xornadas centráronse nas axudas existentes para impulsar a actividade empresarial como unha opción de carreira profesional, no programa europeo de aceleración do emprendemento, no marco legal da Unión Europea, nas redes de networking e lobby, no programa Emprendetur, así como nos instrumentos PEME Hortizonte 2020.

A Deputación de Pontevedra está a traballar desenvolvendo unha nova liña específica de apoio a emprendedores, a maiores doutras actuacións coma o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial CPAE 2.0, cunha oficina en Lalín, que ten por obxectivo potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación, facilitar a implantación do comercio electrónico e impulsar a venda en liña.

24 de febreiro de 2016 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.