publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as melloras realizadas na firma TC Group Atlántico de Barro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarro
A-
A+
Cores Tourís na visita ás instalacións

Cores Tourís na visita ás instalacións

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, a empresa TC Group Atlántico de Barro, onde nos últimos meses levaron a cabo obras de mellora do seu novo local de manipulación de produto grazas a unha liña de axudas da Consellería de Medio Rural.

TC Group Atlántico, antes denominada Técnica Comercial Agropecuaria, é unha microempresa dedicada ao envasado, almacenado e importación de hortalizas, froitas frescas e cogomelos frescos. A empresa traballa para apoiar os produtos galegos e de feito pretende poner en marcha explotacións de fresas en Galicia para completar o ciclo anual, xa que conta tamén cos terreos dedicados a esta producción en Andalucía. Ademáis en Galicia traballa con xudías e pementos de Padrón.

A empresa creouse no ano 2000 e dende 2012 dedícase tamén a actividade de maiorista de froitas e hortalizas. Nese ano, instalouse unha nave na parcela A02 do polígono industrial de Outeda en Curro, Barro, coa intención de ampliar as súas actividades, dedicándose tamén á manipulación e o envasado.

O representante da firma, Cristóbal Monteagudo, explicou ao delegado territorial que nestas actuais instalacións contan cunha capacidade de produción de 7.000 toneladas ao ano, destacando entre as súas materias primas e produtos, os cítricos, as verduras, a froita variada de temporada e os kiwis. “O 85% das materias primas son adquiridas fora de Galicia aínda que as nosas canles de comercialización son as cadeas de distribución localizadas en Galicia, salvo o kiwi, que o distribuímos fora da comunidade, a maioristas de Barcelona e Madrid”.

TC Group Atlántico conta con 7 traballadores e unha facturación que rolda os 2,8 millóns de euros. Para mellorar as súas instalacións solicitaron dende 2012 varias axudas á Consellería de Medio Rural a través da liña destinada a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, por un montante total de 154.697 euros que permitiron a execución de diversas melloras que supuxeron un investimento de 520.624 euros.

O delegado territorial puido así coñecer hoxe os últimos traballos de mellora levados a cabo no polígono de Barro, que permitiron dotar de instalación de frío e contra incendios a un novo local de manipulación de produto para acadar a temperatura que garanta a súa mellor calidade. A maiores, tamén se adquiriu material para a empresa: unha envolvedora flow vertical, dúas mesas de manipulación de aceiro inoxidable, unha mesa xiratoria, unha carretilla elevadora, un humidificador das cámaras de conservación con tres saídas, tres rexistradores de temperatura e humidade, unha impresora con aplicador de etiquetas e software de xestión.

Dentro desta mesma liña de axudas, a Consellería destinou en 2015 un total de 2,6 millóns de euros para a provincia de Pontevedra de cara a execución de obras e melloras por un montante de 8,6 millóns de euros en empresas cárnicas, de pensos e fariñas, de pratos preparados, así como do sector forestal, lácteo, da froita e do pan. Estas achegas tiveron como finalidade incentivar investimentos como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos.

“En 2016, a nova orde, contempla unhas axudas de case 25 millóns de euros para toda Galicia fronte aos 8 do ano pasado, o que ven a destacar a importancia que a Xunta lle da a modernización das instalacións e equipamentos deste tipo de empresas, xa que a innovación supón maior competitividade, subliñou. “Todo isto”, indicou Cores Tourís, “redunda na posta en valor da calidade dos produtos primarios de Galicia, unha das apostas do Goberno Galego. Apostar polo rural é sinónimo de riqueza e benestar”.

8 de febreiro de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.