publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as melloras realizadas na empresa tudense Establecementos Cholo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+
Cores Tourís na visita a Establecementos Cholo

Cores Tourís na visita a Establecementos Cholo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Establecementos Cholo de Tui, onde nos últimos meses adquiriron novos equipos e melloraron as zonas de traballo grazas a unha liña de axudas da Consellería de Medio Rural, o que lle permitiu mellorar o proceso produtivo.

Esta empresa foi constituida en 1993, e dedícase á trasformación de canais de vacún e porco, con despeces e produtos elaborados. Conta cun centro de produción en Tui e con tres puntos de venda na cidade de Vigo. Tamén elaboran produtos procedentes de aves e caprino.

Segundo apuntou Nerea Alamancos, adxunta á xerencia da empresa, a firma conta con 28 empregados e un nivel de facturación que supera os 5 millóns de euros, procesando un total de 1.163 toneladas ao ano. En canto aos produtos elaborados son fundamentalmente curados como chourizo galego, curados salgados coma lacóns e cachuchas, e salgados e frescos como o chourizo criollo, as hamburguesas e as salchichas.

A súa capacidade de produción acada as 8 toneladas ao día de despezamentos e as 2,1 toneladas ao día de elaborados, comercializando os seus produtos por todo o territorio nacional, destinando o 30% do mesmo a provedores de buques, o 25% ao canal horeca, o 20% a caterings e o 25% restante a puntos de venda propios.

O delegado territorial puido así coñecer hoxe as melloras executadas nesta empresa grazas a liña de axudas de 2015 da Consellería de Medio Rural de cara á industrialización e comercialización, e que supuxo un investimento de 166.300 euros, dos cales case 75.000 foron aportados pola administración autonómica.

Así, a empresa tudense puido mellorar a soleira das zonas de traballo e tránsito da industria mediante a aplicación de morteiro epoxi monocolor nunha superficie de 750 metros cadrados; instalar lámpadas LED en toda a industria; e instalar un novo compresor acoplado á actual central frigorífica da cámara e do túnel de refrixeración cun sistema de pulverización automático de auga para a correcta conservación dos produtos. Ademais, tamén adquiriu maquinaria nova como un levador de carne para a máquina picadora, unha carretilla, unha máquina de fileteado, unha etiquetadora automática e un detector de metais, ademais dunha nova furgoneta para transporte de mercancías.

O delegado territorial aproveitou a visita a Establecementos Cholo para recordar que dentro desta mesma liña de axudas, a Consellería destinou en 2015 un total de 2,6 millóns de euros para a provincia de Pontevedra de cara a execución de obras e melloras por un montante de 8,6 millóns de euros en empresas cárnicas, de pensos e fariñas, de pratos preparados, así como do sector forestal, lácteo, da froita e do pan. Estas achegas tiveron como finalidade incentivar investimentos como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos.

“En 2016, a nova orde, contempla unhas axudas de case 25 millóns de euros para toda Galicia fronte aos 8 do ano pasado, o que ven a destacar a importancia que a Xunta lle da a modernización das instalacións e equipamentos deste tipo de empresas, xa que a innovación supón maior competitividade, subliñou. “Todo isto”, indicou Cores Tourís, “redunda na posta en valor da calidade dos produtos primarios de Galicia, unha das apostas do Goberno Galego. Apostar polo rural é sinónimo de riqueza e benestar”.

10 de febreiro de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.