publicidade hoxe

Cores Tourís clausura o obradoiro de emprego “Descubre Tui 2015” que formou a 20 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+
Cores Tourís na clausura do obradoiro

Cores Tourís na clausura do obradoiro

O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego “Descubre Tui 2015”, acompañado do alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro.

No acto, que tivo lugar no salón de plenos da casa consistorial, estivo tamén presente o xefe territorial de Economía, Traballo e Industria, Ignacio Rial.

O obradoiro tivo unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investiu case 180.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superaron os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos foi preparar a 20 alumnos en deseño de produtos gráficos e promoción turística local e información ao visitante.

O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra recordou que a Xunta de Galicia aposta polos obradoiros “porque fomentan a formación, a inserción laboral e a colaboración cos concellos”, polo que no presente ano “continuaremos a traballar neste ámbito cun investimento que supera os 14 millóns de euros para toda Galicia”.

O obxectivo dos obradoiros de emprego “é claro: dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente, xa que hai que recordar que no proceso selectivo contan con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración. Non podemos esquecer ademais”, engadiu José Manuel Cores Tourís, “que en total son 24 as persoas que grazas a estes obradoiros, obtiveron durante estes meses un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación á directora-titora, os dous docentes dos cursos e á administrativa.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibiron o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En deseño de produtos gráficos formáranse 10 alumnos, dos cales 4 foron homes e 6, mulleres, e en promoción turística local e información ao visitante outros 10, neste caso todas mulleres.

“Estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”, subliñou Cores Tourís. Outras das vantaxes dos obradoiros son a realización de obras e servizos para a comunidade e o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local.

Así, no caso de Tui, o alumnado traballou durante estes seis meses tanto deseñando e implementando contidos gráficos e multimedia nas áreas culturais e turísticas no concello como elaborando unha guía de recursos turísticos do Concello e accións de difusión dos recursos naturais, patrimoniais e etnográficos propios.

O alcalde da localidade agradeceu a colaboración da Xunta para a posta en marcha deste obradoiro e engadiu que “permitirá contar con persoal preparado e formado nun eido esencial do municipio como é o do turismo”.

Cores Tourís recordou aos alumnos que agora “comeza unha nova etapa, a de buscar un posto laboral, para o cal contan xa cunha importante formación, especialmente relativa ao sector turístico”.

Neste senso, o delegado territorial insistiu que “non podemos esquecer a importancia que neste eido ten precisamente Tui, xa que estamos a falar dun municipio cun importante casco histórico e punto de partida en Galicia do Camiño Portugués, un camiño que está a rozar récord de peregrinos, agardando que se chegue este ano aos 40.000, o que ven a evidenciar a importante labor de promoción desta vía que está a realizar o Goberno de Núñez Feijoo”.

Obradoiros como o de Tui desenvolvéronse nos pasados meses en varios concellos de Pontevedra, onde se investiron 3,2 millóns de euros, o que permitiu desenvolver 20 obradoiros e beneficiar a case 500 persoas. No caso do concello tudense, dende 2009, leváronse a cabo 3 obradoiros, cun investimento global por parte da Xunta de case 700.000 euros e un total de 91 beneficiarios.

29 de febreiro de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.