publicidade hoxe

Concello de Lalín e Gas Natural Fenosa asinarán un convenio para evitar cortes de luz ás familias con dificultades económicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Reunión do alcalde de Lalín con representantes de Gas Natural Fenosa

Reunión do alcalde de Lalín con representantes de Gas Natural Fenosa

O Concello de Lalín e a empresa Gas Natural Fenosa amosaron esta mañá a súa disposición a asinar un convenio para coordinar o pagamento de axudas para as débedas xeradas con motivo do subministro de electricidade e de gas. Este foi un dos principais acordos aos que se  chegou na reunión de traballo mantida hoxe entre o alcalde e o tenente de alcalde e responsables da compañía eléctrica en Galicia. Neste encontro, ademais de Rafael Cuíña e Nicolás González Casares, participaron Manuel Fernández Pellicer, o delegado de Gas Natural en Galicia; Cristina Sogas López, da oficina de garantía de servizo ao cliente; e Amalia Baltar Estévez; responsable de relacións institucionais en Galicia.

O principal obxectivo deste convenio é establecer o protocolo para evitar que se lles corte á luz ás familias que están atravesar dificultades económicas ou para que se lles repoña o subministro en caso de que xa se tivese producido a interrupción do mesmo. Tras o encontro, Rafael Cuíña lembrou que “xa en campaña dixen que ningunha persoa sen recursos ía quedar sen luz e que as políticas sociais ían ser prioritarias durante este mandato”.

Para o Concello trátase, ademais, de dar cumprimento a unha das medidas que recolle o pacto de goberno no apartado de benestar social. O acordo programático especifica nun dos seus puntos a eliminación da pobreza enerxética e a obrigatoriedade dun informe previo dos servizos sociais municipais naqueles casos nos que se dea unha falta de pagamento da luz ou da auga. 

Neste sentido, establécese un programa de axudas para eliminar as situacións de pobreza enerxética coa participación das empresas subministradoras. En concreto, mediante o convenio que se vai asinar con Gas Natural Fenosa, o departamento de Benestar Social avaliará as solicitudes dos clientes en situación vulnerable e o Concello farase cargo da débeda en canto esta situación se constante. 

Ademais, durante o período de avaliación de cada caso, a eléctrica comprométese a paralizar o corte de subministro durante tres meses, un período durante o cal tampouco se cobrarán intereses de demora ou comisións sobre a débeda obxecto de análise. Se pasados eses tres meses non se tivese producido o pagamento da totalidade do importe que se debe, Gas Natural procederá a reactivar as accións de corte de subministro.     

Reunións sobre o proxecto para Catasós

Tras o encontro desta mañá, os representantes do Goberno e de Gas Natural tamén chegaron ao compromiso de retomar, en datas próximas, as reunións a tres bandas para falar sobre a construción dunha liña de alta tensión que atravesa a fraga de Catasós. Nestes encontros está previsto que participen veciños afectados polo proxecto, representantes municipais e responsables da eléctrica.

O Concello, en todo caso, reitera o seu apoio absoluto ás reivindicacións da plataforma “Salvemos Catasós”, que se opón a esta iniciativa, e afirma que sempre estará a carón da veciñanza nas súas demandas. Con todo, o Goberno aposta pola reapertura do diálogo -de forma paralela ao contencioso aberto- como medio para tratar de acadar unha saída negociada a un conflito que ameaza un espazo de elevado valor natural.

2 de febreiro de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.