publicidade hoxe

Comezan as xornadas “Educar para aprender” en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

O Concello de Tui e o Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres, coa colaboración da Consellería de Sanidade, organizan as xornadas “Educar para protexer” que se van celebrar o último xoves dos meses de febreiro, marzo, abril e maio.  O obxectivo desta actividade é ofrecer aos pais e nais, pero tamén a educadores e a todas aquelas persoas que se sintan implicadas, as ferramentas necesarias para evitar condutas que inflúan negativamente na educación de menores e adolescentes.

Ao longo de catro xornadas abordaranse catro temas fundamentais que hoxe en día están a carrexar diferentes problemáticas condutuais, e que axudarán a aclarar certas dúbidas sobre como actuar ou educar aos nosos menores no uso san de Internet, a educación sexual, a autonomía e os hábitos de estudo, e as normas e límites.

A primeira cita será este xoves, 25 de febreiro, ás 18h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica baixo o título “Como fomentar hábitos de autonomía dos nosos fillos. Normas e Límites”. Este tema será abordado por María Ferreiro Candia, psicóloga, psicopedagoga e directora do Instituto de Tratamento da Conduta de Vigo, que abordará os “Trastornos de conduta en nenos e adolescentes: pautas, normas e límites para axudar a controlalos”.

A segunda xornada celebrarase o xoves, 31 de marzo, co título “Pautas para pais, nais e educadores sobre o uso seguro de internet e móbiles”. Será impartida polo Servizo Especializado da Garda Civil de Delitos Telemáticos.

O 28 de abril desenvolverase a terceira xornada titulada “Como desenvolver a autonomía e os hábitos de estudo” impartida polo Gabinete Psicolóxico Louriña.

O programa pecharase o 26 de maio con Encarnación Sueiro Domínguez, doutora en psicoloxía e licenciada en pedagoxía, e psicóloga clínica do Centro de Orientación Familiar “Nóvoa Santos” do SERGAS quen abordará “Educación sexual e a educación en igualdade”.

Todas as charlas serán ás 18h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica. 

22 de febreiro de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.