publicidade hoxe

Co actual goberno provincial Mos recibe 300.000 euros anuais menos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, desmentiu hoxe a nota de prensa emitida pola Deputación de Pontevedra na que dende a administración provincial asegúrase que o Concello mosense recibirá dela no presente ano 2016 un 26,8% máis en axudas do que o facía co anterior goberno provincial.

A rexedora local mosense tacha esta noticia de “mentira total e rotunda” e para demostralo aporta datos que reflicten que a cantidade do ano pasado superou a deste en 300.000 euros. Este ano, ó igual que o pasado 2015, Mos recibirá preto de 900.000 euros en axudas, coa salvedade de que a Deputación presidida por Louzán acometeu a maiores unha obra na estrada Puxeiros Mos que suma 300.000 euros máis e computa un importe total en 2015 de preto de 1.200.000 euros.

Mos recibirá en plans de libre concurrencia para obras 219.590,13 euros  por un lado, 329.385,20 por outro e 40.230 por outro. Máis 35.500 euros para actividades, 126.000 euros para emrego, 57.000 euros para becas e 78.434 euros para servizos comunitarios. O que suma un total de 886.139,33 euros. “A diferencia co ano pasado é que antes a maiores contabamos co reforzo do Parque de Maquinaria da Deputación, cuxas máquinas se desprazaban a traballar a Mos sempre que fose necesario e para realizar actuacións en momentos de urxencia como puido ser esta pasada fin de semana durante o temporal, cando tivemos que sufrir a paralización do Parque durante intres de extrema necesidade”, explicou Nidia Arévalo.

Arévalo asegurou tamén que “tras os danos sufridos polo temporal, só unha máquina da Deputación estivo traballando retirando terra dunha estrada provincial durante menos de dúas horas e marchou”. “Eu mesma chamei persoalmente ó deputado provincial con competencia neste tema para solicitar as máquinas do Parque de Maquinaria e respostoume que se encargara o Concello de Mos de contratarllas a empresas privadas con fondos propios”, declarou a alcaldesa tildando de “despropósito” a nula colaboración da administración provincial nun momento tan delicado para varios concellos de Pontevedra, entre os que se atopa Mos.

Ademais Arévalo lembrou que o anterior goberno provincial, a maiores dos preto de 900.000 euros anuais en subvencións durante 2015, acometeu tamén melloras na Estrada Puxeiros-Rebullón por importe de 300.000 euros e comprometeu a segunda fase deste proxecto, que sería o tramo Puxeiros-Peinador, que é de vital importancia non só para Mos senón sobre todo para Vigo; e que o novo goberno da Deputación ten bloqueada sen que se saiba nada dela.

Moción Parque de Maquinaria

O grupo municipal do PP levará ó Pleno ordinario que se celebrará o vindeiro 29 de febreiro unha moción sobre o Parque de Maquinarias da Deputación de Pontevedra, que leva sen funcionar desde hai seis meses.

As custosas máquinas, valoradas en preto de 5 millóns de euros, e os traballadores do servizo están parados desde o mes de agosto, momento no que se retiraron dos concellos e non se volveron a mover do recinto. 

“O Parque de Maquinarias foi ata o de agora un referente en Galicia, e ofrecía un servizo moi importante a todos os concellos da provincia, incluído o Concello de Mos. Por todos é sabido que os concellos teñen recursos moi limitados, principalmente os de menor poboación, e este servizo prestaba unha axuda e un servizo fundamentais. Aínda que o seu principal cometido era o mantemento das estradas provinciais, a realidade é que o apoio que prestaba a concellos e colectivos foi moi importante”, explicaba o edil mosense e voceiro do PP de Mos, Camilo Augusto. 

Hai máis de 5 millóns de euros investidos na maquinaria deste parque que se están deteriorando, porque as máquinas deterióranse máis paradas que en funcionamento. Só o equipo completo de aglomerado, composto por unha estendedora e tres pisóns, ten un custe aproximado de 600.000 euros. A este hai que sumar o resto de maquinaria: 4 limpiapraias, 4 desbrozadoras, 4 niveladoras, 2 máquinas de cadeas, 2 pisóns, 2 cisternas de asfalto, un camión de bacheo, 1 retroescavadora, 3 palas mixtas, 6 camións, 1 camión góndola, 1 pala cargadora, unha cisterna de auga e un camión grúa. “A estes gastos hai que incluír tamén a planta de aglomerado, da que saían preto de 1.000 toneladas diarias, así como os gastos do persoal, que diariamente van a traballar sen nada que facer”, engadiu Augusto.

Neste sentido a rexedora local mosense engadiu que “é difícil de entender que os concellos da provincia estean endebedándose contratando a empresas privadas para garantir as mellores condicións de seguridade nas estradas municipais e provinciais, mentres se desaproveitan os recursos humanos e materiais que hai dispoñibles na Deputación de Pontevedra. Non nos parece de recibo que os traballadores de servizo e todas a maquinaria do parque estean parados e desaproveitados,  cando hai moitas e importantes necesidades que cubrir nos concellos. Como exemplo, podemos poñer os danos que as inclemencias climatolóxicas dos últimos meses en xeral e da pasada fin de semana en particular provocaron en infraestruturas e equipamentos dos concellos, entre eles o noso, o Concello de Mos”.

É por iso que por medio desta moción preténdese chegar ó acordo de instar á Deputación de Pontevedra a que estableza un plan de actuacións co que dar resposta ás necesidades que hai nos concellos e aproveitar os recursos do Parque de Maquinaria que actualmente están parados.

17 de febreiro de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.