publicidade hoxe

César Mosquera considera positiva a resposta dos concellos da provincia para instalar composteiros comunitarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O vicepresidente provincial, César Mosquera, calificou hoxe de “sumamente positiva” a ampla resposta dos concellos da provincia para instalar os composteiros comunitarios que a Deputación de Pontevedra ofreceu dentro do seu Plan Compost Revitaliza. Finalmente, e a falta de que cheguen os últimos proxectos entregados en portelos doutras administracións ou por correo, son vinte os gobernos locais que apostan por iniciarse na compostaxe. “A proposta da Deputación tivo unha ampla acollida que da pé a poñerse a traballar nesta dirección”, dixo.

Mosquera subliñou que a participación no Plan Compost é moi positiva porque demostra que hai preocupación por “un asunto de xestión” nos concellos como é a mellora dos sistemas de recollida e tratamento de lixo, que nestes momentos é un dos grandes problemas para as arcas locais dos municipios da provincia de Pontevedra. Lembrou que a compostaxe servirá para tratar de xeito ambientalmente sostible o 40% dos residuos que xera cada fogar, é dicir, a parte orgánica (restos de comida e vexetais), cun aforro importante nos custos do servizo. O vicepresidente incidiu en que a instalación de puntos de compostaxe comunitaria nos concellos permitirá que o lixo orgánico non entre no circuíto, é dicir, que se trate no mesmo punto que se xera evitando así os custes de recollida e do transporte a calquera planta de tratamento.

Por outra banda, Mosquera tamén reflexionou pola variedade de gobernos que optaron por sumarse ao Plan Compost e destacou que “non depende de cores políticas, xa que decidiron sumarse tanto concellos do PP, do PSOE, do BNG, independentes, en coalición… e esa é unha cuestión sumamente positiva”. De feito, fixeron a súa solicitude de centros de compostaxe comunitaria os concellos de Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados,Cangas, Gondomar, Illa de Arousa, Moaña, Nigrán, O Grove, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía.

Este listado de concellos, segundo fixo ver o vicepresidente, é “practicamente cravado ao que tiñamos en previsión”. De feito, coincide case que na súa totalidade cos concellos que estiveron presentes na viaxe a Navarra organizada dende a Deputación para coñecer in situ os plans de compostaxe da comunidade foral e do País Vasco. De alí, tal e como agora se pon de referencia, tanto os políticos como os técnicos participantes chegaron plenamente convencidos de que a compostaxe é un sistema perfectamente viable para as vilas e núcleos pontevedreses, tanto por ser economicamente máis asequible como por non presentar ningún tipo de problema nin esforzo para os veciños. “En relación aos concellos que foron a Navarra hai uns catro ou cinco que xa nos anunciaron que prefiren optar pola compostaxe individual pola dispersión da súa poboación e outros non optaron simplemente pola súa situación de cambio de goberno; outros sumáronse porque entendían a viabilidade do proxecto”, subliñou Mosquera.

Cubriranse todas as solicitudes

Unha vez se analice toda a documentación presentada polos concellos e se constate que as solicitudes están en orde, procederase á adxudicación dos composteiros comunitarios (segundo os módulos requeridos por cada municipio). Segundo asegurou Mosquera, a Deputación fará fronte a todas as solicitudes que cumpran cos requisitos.

Anunciou, así mesmo, que dado que houbo concellos que pediron máis tempo para acadar os compromisos dos veciños (requisito indispensable para obter os centros de compostaxe comunitaria –CCC-), así como para presentar toda a documentación dos seus proxectos e non chegaron en prazo para esta primeira fase, estase valorando a posibilidade de abrir unha nova quenda de presentación. Non se descarta, en calquera caso, que o próximo reparto dos CCC sexa para aqueles concellos que puxeran as primeiras instalacións en marcha de xeito eficaz e queiran unha segunda partida.

Nestes momentos a Deputación mantén aberto o concurso para o subministro dos módulos de compostaxe, que se prevé estean disponibles para primeiros do mes de marzo. Tamén se está avanzando na formación dos mestres e mestras composteiros que se farán cargo do mantemento dos CCC nos concellos da provincia.

5 de febreiro de 2016 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.