publicidade hoxe

Centros de ensino de Coristanco, Ferrol e Pontedeume gañan os premios Concepción Arenal de proxectos educativos pola igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCoristancoFerrolPontedeume
A-
A+

O C.E.I.P. de Canosa-Rus de Coristanco na modalidade de Educación infantil, o C.E.I.P. Plurilingüe San Xoán de Filgueira de Ferrol en Educación Primaria e o I.E.S. Fraga do Eume, de Pontedeume son os tres centros de ensino gañadores do premio Concepción Arenal de proxectos educativos para a igualdade de xénero convocados pola área de Benestar Social, Educación e Politicas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña.

O xurado do premio Concepción Arenal vén de facer público o fallo desta convocatoria destinada a proxectos educativos pola igualdade de xénero e recoñecer os presentados por tres centros educativos de concellos de Coristanco, Pontedeume e Ferrol.

A deputada Ánxela Franco, responsábel da área de Benestar Social, Educación e Politicas de Igualdade de Xénero, destacou a “relevancia desta convocatoria xa que o ámbito educativo é fundamental para a eliminación do machismo que é tamén o cerne da violencia de xénero”.
Nas súas modalidades de educación infantil, primaria e secundaria, a convocatoria recibiu un total de once proxectos educativos para a súa aplicación nos centros. Cada un dos premios está dotado cunha achega de 5.000 euros.

Na Modalidade A, de Educación Infantil, o centro gañador é o C.E.I.P. de Canosa-Rus, do concello de Coristanco, co seu proxecto “Sementando a igualdade no rural”. O xurado valorou, entre outras cousas, a implicación de toda a comunidade educativa, incluíndo ás familias e outras organizacións da contorna. Considerouse ademais que o plan de difusión do proxecto está moi ben definido

En canto á modalidade B, de Educación primaria, o gañador é o C.E.I.P. Plurilingüe San Xoán de Filgueira, do concello de Ferrol, co seu proxecto “Todas e todos contamos”. O xurado valorou a implicación do persoal docente e non docente no proxecto, incluíndo a persoal de servizos do propio centro e incluso a outro tipo de organizacións (ONG, concellos, etc.). Destácase tame´n a variedade de actividades incluídas así como a cantidade de recursos empregados (literatura, cine, teatro, exposición fotográfica, etc.).

Con respecto á modalidade C, de Educación secundaria, o proxecto gañador foi o presentado polo I.E.S. Fraga do Eume, do concello de Pontedeume, co “Proxecto Amazonas. Observatorio de xénero. Laboratorio de igualdade”. Con carácter comarcal, que implica tamén a persoal do concello de Cabanas, o proxecto destínase non só ao alumnado senón tamén a persoal docente e a familias. Contempla a creación dun Observatorio de xénero, con impacto no centro e na contorna, chegando a definir as súas funcións principais; e un plan de avaliación definindo indicadores de tipo cuantitativo e cualitativo e os instrumentos avaliativos a empregar.

A deputada nacionalista, Ánxela Franco, agradeceu aos centros de ensino a súa implicación nesta convocatoria e desexou que os proxectos non só sexan aplicados nos centros senón que sirvan de modelo para dar ideas de cara eliminar a discriminación nos centros de ensino. “O obxectivo de conseguir a igualdade nos centros de ensino é clave para unha sociedade de futuro sen machismo e sen desigualdades. Desde as institucións cómpre traballar no ámbito escolar que é onde se forman os homes e mulleres do futuro”, sinalou a deputada na xuntanza do xurado que deu a coñecer os centros gañadores.

23 de febreiro de 2016 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.