publicidade hoxe

Beatriz Mato: “a aprobación do PXOM de Carballo pon fin a unha etapa de incertidume urbanística”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato co alcalde de Carballo. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato co alcalde de Carballo. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, afirmou esta mañá que a aprobación do plan xeral de ordenación municipal do Concello de Carballo pon fin a unha etapa de incertidume urbanística e aporta a seguridade xurídica que o municipio precisa para o seu crecemento e desenvolvemento. Así llo trasladou esta mañá ao alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, co que mantivo unha reunión de traballo na que lle comunicou que o Consello da Xunta desta mañá deu a súa conformidade á Orde que aproba este proxecto urbanístico, que porá fin a unhas normas de planeamento do ano 1978, despois da anulación do Pxom de 2003.

A conselleira explicou que grazas a este plan xeral continuarase coa recuperación da ribeira do río Anllóns ao seu paso polo concello, permitirá a recuperación do litoral e reforzará a posición estratéxica de Carballo, como eixo empresarial a través da ampliación do polígono industrial de Bértoa.

Incidiu en que os planeamentos urbanísticos de calidade, respectuosos e sostibles permiten obter o máximo aproveitamento dos recursos dun concello reducindo ao mínimo os impactos negativos e reiterou a idea de que ordenar o territorio significa adaptalo ás necesidades dos cidadáns que viven nel e protexer a súa riqueza e os seus valores.

En definitiva, defendeu que un urbanismo responsable é fundamental para calquera concello, posto que condiciona os recursos locais, o modelo de crecemento, a política de vivenda, a mobilidade e, en definitiva, a vida dos veciños e veciñas; e engadiu que neste caso concreto, contribuirá a mellorar a calidade de vida dos máis de 31.000 veciños e veciñas de Carballo.

Mato Otero tamén salientou a colaboración da Xunta co Concello de Carballo que se materializou en sete reunións técnicas que se celebraron entre os responsables da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e o Concello, xunto co equipo redactor do Plan xeral.

Ningún concello sen planeamento

Coa aprobación do Plan de xeral de Carballo, na actualidade na Comunidade Autónoma hai un total de 83 concellos con plan xeral aprobado e o de Carballo é o primeiro deste ano. A conselleira de Medio Ambiente destacou que a situación actual do planeamento é o mellor reflexo do impulso dado a esta materia polo actual Goberno, xa que en 2009 eran 32 os concellos con PXOM; isto supón un incremento dun 160% no número de planeamentos. Destacou que só na comarca de Bergantiños, seis dos sete concellos que a conforman con con Pxom actualizado.

Un dos retos do Goberno galego é acadar que todos os concellos de Galicia conten con planeamento, que ademais é un dos grandes retos ao que vai dar resposta a nova Lei do solo.

A lei aporta os instrumentos necesarios para garantir que os 314 concellos de Galicia teñan o seu plan urbanístico e no prazo máis breve posible, grazas a medidas como: a simplificación do proceso, creando o informe único autonómico que evita que os concellos teñan que solicitar todos os informes sectoriais por separado; e tamén axilizándoo, ao entender como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses.

Outra das medidas é a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal.

Por último, para dotar aos concellos de planeamento se investirán en 2016 máis de 3,1 millóns de euros en axudas, o que se traduce nun incremento dun 22,6% respecto do ano pasado e dun 82%, se o comparamos co ano 2014.

4 de febreiro de 2016 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.