publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Alumnos da TIC emitirán os Campionatos de Baristas de Foz en directo por streaming

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLugo
A-
A+

A Fundación TIC, entidade dependente da Deputación, emitirá un ano máis por streaming os tres días de celebración dos campionatos de baristas organizados polo IES de Foz, que se desenvolven na localidade mariñá esta semana, do 16 ao 18 de febreiro: o IX Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, o IV Campionato Internacional de Baristas Profesionais e o IV Campionato Internacional de Cata de cafés de Escolas de Hostalería.

A emisión en directo é posible grazas ao convenio entre a TIC e o IES de Foz, unha das máis de 150 entidades ou asociacións coas que colabora a Fundación. Deste xeito, todos os interesados poderán seguir as probas, a través da súa páxina web www.fundaciontic.org, desde calquera parte do mundo. Nas competicións participarán 16 Escolas de Hostalería de España e Portugal e 14 profesionais, entre eles, o actual campión de España de baristas, Adrián Fernández.

Práctica nun escenario real

Os alumnos e alumnas de 2º de Realización da Escola de Imaxe e Son serán os encargados da realización, gravación e emisión en directo do evento. Ademais, o público que se achegue ata ao instituto focense poderá seguir as demostracións dos participantes sen perder detalle en dúas pantallas de plasma.

Esta actividade da TIC é unha das prácticas do alumnado en escenarios reais, un dos sinais de identidade do modelo formativo da súa Escola, neste caso, do módulo de Realización de Televisión. Para esta práctica os estudantes, que contarán co apoio de docentes, empregarán unha unidade móbil, 5 cámaras autónomas e o material necesario para o streaming. Cada alumno rotará por todos os postos, dende realización, son ou operador de cámara. Coma noutras edicións, o material audiovisual que se obteña empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ao IES de Foz.

Desenvolvemento do programa

As demostracións arrancarán o martes, 16 de febreiro, ás 17:00 horas, co IV Campionato Internacional de Cata de cafés de Escolas de Hostalería; o mércores 17 desenvolverase, a partir das 9:00 horas, a final do IX Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería; e o xoves comezará ás 8:30 o IV Campionato Internacional de Baristas Profesionais. Tanto o mércores como o xoves haberá, entes da entrega de trofeos, unha unha demostración barista a cargo de “Kanalla Coffee”, da que forma parte a burelense, Sofía Prieto.

15 de febreiro de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.