publicidade hoxe

A Xunta inviste 180.000 euros no obradoiro ‘Ponte da Neira V’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuntínO CorgoO Páramo
A-
A+
Alfonso Marnotes na clausura do obradoiro

Alfonso Marnotes na clausura do obradoiro

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, clausurou hoxe no Páramo o obradoiro de emprego ‘Ponte da Neira V’ que este Concello compartiu cos do Corgo e Guntín. O responsable da área autonómica participou na entrega dos diplomas aos 20 participantes neste programa mixto de formación e emprego no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto de 180.000 euros.

Os alumnos e alumnas melloraron a súa cualificación e realizaron tarefas relacionadas coa albanelería nas tres localidades. Así, entre outras actuacións, rehabilitaron o campo da festa e o antigo palco da música en Ribas de Miño e arranxaron as escaleiras e varandas das igrexas de Moscán e Vilarmosterio, no Páramo; reformaron o paso fluvial e ruta de sendeirismo da Ferreira e a escola vella de Gomelle, en Guntín; e rehabilitaron a escola de San Martiño de Folgosa e realizaron diversas melloras na área recreativa da praia fluvial, no Corgo.

Marnotes explicou que a Xunta está a investir este ano 14 millóns de euros nos obradoiros de emprego para mellorar a capacitación das persoas desempregadas e crear emprego estable e de calidade. Indicou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, sinalou que os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional.

Explicou que estes talleres, ademais de mellorar a empregabilidade dos alumnos e alumnas e ofrecerlles formación de calidade e acceso a un emprego, levan aparellados a realización de obras e servizos para a comunidade. Ademais, outra das vantaxes destas iniciativas é o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. Así, o director xeral subliñou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.

11 de febreiro de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.