publicidade hoxe

A Xunta iniciará no verán obras de mellora da seguridade viaria en tres travesías de Chantada e Monforte de Lemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaMonforte de Lemos
A-
A+
Ethel Vázquez no anuncio das melloras.

Ethel Vázquez no anuncio das melloras.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta iniciará no verán obras de mellora de seguridade viaria en tres travesías dos concellos de Chantada e Monforte mediante o investimento de preto de 600.000 euros. Vázquez presentou no municipio chantadino estes proxectos cuxa licitación sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia.

Trátase de traballos de reforzo de firme que se acometerán nas travesías de Chantada e de Monforte, para ofrecer unha maior seguridade aos vehículos que circulan por estas vías.

No caso de Chantada, actuarase na súa travesía, na estrada que une o municipio con Escairón (LU-533), realizando unha mellora do estado do firme ao longo de case 1 km. Tamén se executará a construción de tres pasos de peóns sobreelevados, nos mesmos lugares no que actualmente existen pasos convencionais, así como melloras na drenaxe.

A conselleira fixo fincapé na importancia das actuacións en zonas como esta, onde hai instalacións escolares próximas, coa fin de incrementar a seguridade. Para levar a cabo estas accións será preciso unha achega económica de arredor de 200.000 euros por parte do Goberno galego.

No que se refire ao Concello de Monforte de Lemos, executaranse reforzos de firme en dúas travesías: na que vai cara á N-120 (estrada LU-661), onde se actuará nun treito de medio quilómetro; e na que se dirixe á vía de altas prestacións Lugo-Monforte (estrada LU-617). Nestas infraestruturas viarias rehabilitarase a capa de rodadura ao longo de 1,4 km; aumentando tamén a seguridade viaria cunha nova glorieta, pasos de peóns sobreelevados e unha mellora da sinalización.

A titular de Infraestruturas destacou que estas actuacións suporán un novo avance na mellora da seguridade viaria dos concellos do interior de Galicia, poñendo de manifesto o esforzo que está a realizar a Xunta para manter nun bo estado de conservación as estradas da súa titularidade.

Adxudicación dunha vivenda

Por outra parte, a conselleira Ethel Vázquez tamén sinalou que a Xunta, a través da Comisión Provincial de Lugo, acaba de adxudicar unha vivenda á familia de Chantada cuxo inmoble se viu afectado recentemente por un incendio.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a dar resposta a todas as familias que solicitan a súa axuda. Neste sentido, no último ano multiplicáronse os esforzos para achegar solucións ás persoas en situación de risco, mediante novos programas de axuda como o Bono de Alugueiro social ou os convenios con entidades financeiras, entre elas a maior de Galicia, que se comprometeron a non executar desaloxos, e cederon 240 vivendas baleiras, que a Xunta está a destinar a familias que o necesitan.

16 de febreiro de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.