publicidade hoxe

A Xunta está a ultimar un proxecto de saneamento independente para o Porto Seco de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Xunta está a ultimar un proxecto de saneamento independente para o Porto Seco de Monforte coa fin de blindar os proxectos empresariais estratéxicos para este municipio. Así o adiantou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na súa intervención no Parlamento, onde explicou que a pesar de que as deficiencias da rede de saneamento municipal son unha responsabilidade do Concello de Monforte, a Xunta está a achegar solucións para evitar que as empresas renuncien a instalarse nesta vila.

Vázquez concretou que o Goberno galego está rematando o proxecto dun sistema de saneamento illado, opción coordinada coa Confederación Hidrográfica e autorizable por este organismo, o que posibilitará a instalación de empresas nesta plataforma.

Engadiu que se entregará o proxecto en poucos días ao Concello para que poida proceder á contratación das obras en tempo e forma para que Abiga se instale no Porto Seco. A titular de Infraestruturas agarda que esta solución sexa acollida responsablemente polo Concello e que realice os trámites e as obras necesarias para a súa execución no menor tempo posible.

A conselleira lembrou que no Porto Seco están adxudicados 40.000 m² de solo a través da declaración dun proxecto singular, polo que a empresa Abiga desenvolverá neste marco o seu proxecto empresarial, cun investimento de 20 millóns e a creación de 35 empregos directos e 105 indirectos, de aí a importancia de dispoñer dunhas instalacións cos servizos necesarios para o desenvolvemento de oportunidades como esta.

A citada empresa está a ter atrancos para obter a licenza municipal, necesaria para xestionar o financiamento que lle permita desenvolver o seu proxecto empresarial en Monforte, xa que o Proxecto Sectorial aprobado co visto e prace dos servizos municipais, prevía a conexión do saneamento do parque á rede de saneamento municipal. A situación de deterioro na que se atopa esta rede, dependente do Concello de Monforte, levou á Confederación Hidrográfica a solicitar a posta en marcha dun Plan de redución de residuos e a impedir novas cargas na rede ata que exista unha planificación realista das melloras a levar a cabo.

Vázquez reiterou que a Xunta traballa para que un problema da rede de saneamento municipal non impida a instalación de empresas no Porto Seco, e lastre o seu futuro. Destacou que a pesar de que este asunto non é de responsabilidade autonómica, o Goberno galego non permitirá que unha soa empresa deixe de implantarse en Monforte, polo que xa se está a traballar para achegar solucións a este problema.

Impulso do Porto Seco

Cómpre lembrar que a Xunta investiu máis de 13 millóns de euros na adquisición dos terreos, nos traballos técnicos e nas obras de urbanización do Porto Seco. Ademais, actualmente estase a rematar a conexión coa estrada LU-933, o que supuxo un investimento de máis de 6 millóns.

A conselleira tamén indicou que dende o seu departamento estase a aplicar unha bonificación do 50% no prezo de venda das parcelas, o que supón un bo incentivo para a ubicación de empresas. Engadiu que con este tipo de medidas preténdese facilitar a instalación de novos proxectos empresariais no Porto Seco e que as empresas poidan desenvolver a súa actividade na plataforma loxística o antes posible.

10 de febreiro de 2016 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.