publicidade hoxe

A Xunta desenvolve actividades de inclusión e voluntariado no centro penitenciario Pereiro de Aguiar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Pereiro de Aguiar
A-
A+
Rey Varela na visita ao centro penitenciario

Rey Varela na visita ao centro penitenciario

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, coñeceu hoxe de primeira man os programas de voluntariado e de inclusión social que teñen lugar no centro penitenciario Pereiro de Aguiar, e no que nestes momentos participan un total de 112 persoas en privación de liberdade. A Xunta de Galicia desenvolve estas accións a través da Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES), entidade sen ánimo de lucro que traballa de forma coordinada en seis centros penitenciarios da Comunidade Autónoma.

Ao respecto, José Manuel Rey Varela gabou o traballo e as iniciativas que realiza APES, das que subliñou que “sempre están enfocadas á mellora das posibilidades de reinserción sociolaboral dos internos”. Nesta liña, o titular da carteira autonómica de Política Social manifestou que tanto as actividades de inclusión como as de voluntariado “supoñen unha vía para formar e preparar aos participantes de cara á súa próxima reintegración na sociedade, coa finalidade de que esta se faga dun xeito progresivo, non traumático e con éxito”. Así mesmo, Rey Varela insistiu en que este tipo de programas deben servir “para constatar que as persoas que queren ter unha segunda oportunidade sempre contarán con axuda”.

Así, os programas de inclusión que se levan a cabo no centro de reclusión ourensán comprenden atención individualizada e obradoiros de relaxación e control emocional, entre outras actividades. Os participantes destas intervencións, son, ate o momento, 30 persoas e contan con apoio dun psicólogo. Ademais, outras 50 persoas en réxime aberto ou en liberdade condicional forman parte dun programa de itinerario de inserción sociolaboral, que inclúe acompañamento da súa progresión penitenciaria cara á liberdade.

No eido do voluntariado para persoas reclusas, neste centro de Pereiro de Aguiar está en marcha a campaña “Cumprindo Ilusións”. Trátase de recoller xoguetes usados que os voluntarios participantes nesta actuacións se encargan de arranxar e preparar para persoas con poucos recursos. Un grupo de 32 internos participan nesta iniciativa.

23 de febreiro de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.