publicidade hoxe

A Xunta contempla a construción dunha escola infantil en Paderne de Allariz de uso mancomunado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPaderne de Allariz
A-
A+
Rey Varela na reunión con alcaldes da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ourense. Foto: C. Paz

Rey Varela na reunión con alcaldes da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ourense. Foto: C. Paz

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá en San Caetano unha xuntanza de traballo cunha representación de alcaldes de municipios integrados na Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense: José Manuel Fernández Gómez e Mario Rodríguez González, rexedores de Paderne e Esgos, respectivamente. O obxectivo desta xuntanza foi o de repasar as necesidades en materia de servizos e equipamentos sociais no ámbito xeográfico que abrangue esta mancomunidade ourensá.

Así, entre os asuntos abordados nesta entrevista estivo o da construción dunha escola infantil en Paderne de Allariz para o seu uso mancomunado. Esta actuación está contemplada nos orzamentos da Xunta de Galicia para este ano 2016 nos que se reserva unha partida económica dun total de 404.938,27 euros para tal fin. Esta cantidade supón o financiamento do 50% da obra, e o resto correría a cargo dos municipios que se beneficiarían desta escola: Esgos, Baños de Molgas e Paderne de Allariz, inicialmente; e aos que tamén se podería incorporar o de Maceda. A nova Escola Infantil de Paderne de Allariz disporía de tres unidades e 41 prazas.

Por outra parte, o conselleiro e os rexedores da mancomunidade ourensá abordaron a situación do centro de día de Maceda, que está pendente de apertura unha vez que xa está adxudicada a xestión do mesmo. Este centro ten capacidade para 60 usuarios, e nunha primeira fase inicial de posta en marcha ofertaríanse un máximo de 25 prazas.

Mancomunidade de concellos da comarca de Ourense

A Mancomunidade foi constituída no ano 2007 e está integrada polos concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo. Representa a unha poboación aproximada de 24.000 habitantes, xestiona o servizo de recollida de lixo e desenvolve obradoiros de emprego e programas de inmersión dixital entre outras accións.

2 de febreiro de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.