publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta busca fórmulas para paliar a decisión de Leite Celta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGuitiriz
A-
A+
Europa Press

A conselleira do Medio Rural, Angeles Vázquez, manifestou que o seu departamento está a estudar “fórmulas” para intentar “arranxar” a decisión de Leite Celta de non recoller, dende este luns, a produción de 50 granxas integradas na cooperativa Codegui, situadas principalmente en Guitiriz, Vilalba e Xermade.

A preguntas dos xornalistas, coincidindo cunha reunión de alcaldes da provincia da Coruña para presentarlles o plan de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias, a conselleira confirmou que o departamento autonómico se puxo en contacto con ambas as dúas partes.

“Estamos a estudar fórmulas para intentar arranxalo”, indicou a conselleira, quen admitiu os problemas que leva consigo unha baixada do consumo e a existencia de excedente por esta circunstancia.

Non obstante, insistiu en que as empresas “han de cumprir o acordo asinado” en Madrid”, mentres que cuestionou que se comunique a unha cooperativa que “en poucos días, se lles deixa de recoller”.

Con todo, apelou ao “diálogo” para buscar unha solución. Ademais, avogou por “abrir o abano a outras empresas”, malia que recoñeceu que “a maioría” apelan a que teñen os contratos pechados e que “non son capaces” de absorber máis produción.

“NON PODE ESTAR NO ACORDO”

Na mesma liña, en Santiago, cuestionada por este asunto, advertiu de que esta empresa ten un acordo asinado co “compromiso” de recollida dun determinado volume de leite, e entendeu que “non pode estar dentro” del cando deixa de recoller “o 100 por 100″ da produción, porque “unha cousa é que aumente a produción” e outra non recoller a súa totalidade.

Ademais, apuntou que “non é a primeira vez” que isto acontece e por iso recordou que ás cooperativas que son primeiras compradoras a administración lles pide “un esforzo” e “deixarse de personalismos”.

“FUSIÓN DE COOPERATIVAS”

Neste sentido, apuntou a 39 cooperativas para instalos á “fusión inmediata” e que se unan nunha soa”, co obxectivo de “vertebrar Galicia”.

A liña seguida, neste escenario de incremento da produción e diminución do consumo, a conselleira subliñou que “Galicia ten que tomar unha determinación” que fixou en “ir pola vía da transformación”.

Consciente do que está a acontecer “nos últimos anos” co leite líquido, Vázquez apelou ao consello que a comunidade galega celebrará o día 8, no que ten “pendente” a aprobación dun plan para fortalecer ao sector lácteo, e así facer “un programa de futuro, regulando o mercado” pero que isto non signifique “estrangulalo”.

“QUE SAIA PUBLICADO”

Nesta liña, sinalou á continuidade das inspeccións e admitiu, de novo, que o acordo alcanzado en setembro en Madrid para poñer fin á crise de prezos “está a tardar tempo en cumprirse”.

Por este motivo, solicitou “contundencia, axilidade e traballo continuo” ao ministerio, ao que avisou de que ao agro galego non le “serve este período de impasse”. De feito, ao departamento que dirixe en funcións Isabel García Tejerina urxiulle a que “saia publicado” o decreto de cesión de prezos, por ser o “único” que pode “dar transparencia e estabilidade” ao sector.

MOBILIZACIÓNS

Por último, sobre as novas mobilizacións, animou a aqueles sindicatos que constituíron organizacións de produtores lácteos (OPL) a que traballen” e que o fagan “en serio”, coa finalidade de “negociar prezos”.

Insistiu en que o decreto de cesión de prezos é “primordial” neste conflito de prezos, así como “regular a figura dos primeiros compradores” -outra mensaxe que mandou ao Goberno central, ao recordar que isto se debe acometer “primeiro a nivel estatal- e tamén apelou a poder saber a procedencia do leite. “Sabemos onde se envasa, pero non a súa procedencia”, incidiu.

En canto ás protestas, considerou que “de pouco van servir” se non se ven avaladas por “traballo”. De aí que proclamara que “por un lado, respecto e por outro, traballo”, ademais de recomendar “que non se prexudique aínda máis ao gandeiro” con estas accións.

1 de febreiro de 2016 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.