publicidade hoxe

A Rede de Dinamización Lingüística celebra o Día Internacional da Lingua Materna en Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelide
A-
A+
Valentín García e a alcaldesa de Melide no acto

Valentín García e a alcaldesa de Melide no acto

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, participaron este venres no acto organizado pola Rede de Dinamización Lingüística (RDL) na vila coruñesa co gallo do Día Internacional da Lingua Materna 2016.

Durante a celebración, o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede de Dinamización animou as familias a falaren en galego cos seus fillos e fillas desde os primeiros momentos “para que esta lingua sexa, como dixo Manuel María, a chave con que abran o mundo”. “A escola”, explicou García Gómez, “debe complementar este labor feito nos fogares, consolidando o hábito e o dominio lingüísticos e dotando o galego de utilidade e de prestixio, pero a base da transmisión do idioma está na casa e correspóndenos a todos os galegos e galegas que temos fillos”.

O secretario xeral puxo especial énfase en explicar que “o coñecemento do galego non será impedimento ningún para que os cativos e cativas coñezan o castelán e mesmo lles facilitará o acceso a terceiras ou cuartas linguas, como o inglés, o francés e, por suposto, o portugués”.

Magín Blanco e o seu ‘Gatuxo’

Logo do acto institucional en que interviñeron Valentín García e Dalia García, chegou o momento para a actividade de dinamización coa que celebrar esta xornada: a proposta músico-teatral ‘Gatuxo’.

Trátase dunha iniciativa dirixida á xente miúda da casa e ás súas familias, na que se fusionan as artes, a música, o teatro… todo, da man de tres músicos a dúas voces e unha actriz.

‘Gatuxo’ é unha metáfora do crecemento do cativo e do descubrimento do mundo desde unha perspectiva artística que chega da man de Magín Blanco, creador das coñecidas ‘A nena e o grilo’ e ‘A nena e o grilo nun barquiño’.

Celebracións na Rede de Dinamización Lingüística

A Xunta de Galicia súmase a esta conmemoración desde o 2010 e, tras a súa creación nese mesmo ano, a Rede de Dinamización Lingüística, impulsada pola Consellería de Cultura e Educación para promover o galego no ámbito local, incorpora esta conmemoración á súa programación anual cun acto e unha actividade de dinamización do galego que se desenvolve cada ano nun concello pertencente a esta entidade. Deste xeito, búscase potenciar o galego como lingua materna entre as familias novas e animar á súa trasmisión interxeracional.

Tamén desde o Portal da Lingua Galega se pon a disposición da cidadanía información sobre a efeméride e recursos para a transmisión do idioma propio de Galicia (http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/dia-internacional-da-lingua-materna).

A celebración deste Día Internacional da Lingua Materna pola RDL favoreceu que concellos e entidades pertencentes se sumen a ela no marco da súa propia programación. Así, ademais deste acto promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e polo Concello de Melide, a axenda de actos da fin de semana ofrecerá outras propostas dinamizadoras para animaren as familias a festexar o galego como lingua materna en concellos como Ourense, Ribeira ou Oleiros.

‘Educación de calidade, lingua(s) de instrución e resultados da aprendizaxe’

No ano 1999, a Conferencia Xeral da UNESCO acordou declarar o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna. O obxectivo desta celebración é impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas en todo o mundo e, en especial, as das minorías. Cada ano, a UNESCO escolle un lema para a conmemoración; neste 2016 é ‘Educación de calidade, lingua(s) de instrucción e resultados da aprendizaxe’.

A UNESCO entende que a difusión das linguas maternas minoritarias serve para incentivar, ademais do pluralismo lingüístico, a diversidade cultural, que se interpreta como un activo para o desenvolvemento dos individuos e dos pobos.

A directora xeral deste organismo internacional, Irina Bokova, incide na súa mensaxe institucional co gallo do Día Internacional da Lingua Materna en que o lema deste ano “pon de manifesto a importancia das linguas maternas para a educación de calidade e a diversidade lingüística”. Bokova indica que “o uso das linguas maternas no marco dun enfoque plurilingüe é un compoñente esencial da educación de calidade, que é a base para empoderar as mulleres e os homes e as súas sociedades. Debemos recoñecer e promover este potencial para non deixar a ninguén atrás e construír un futuro máis xusto e sustentable para todos”.

19 de febreiro de 2016 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.