publicidade hoxe

A promoción da lingua e literatura galega son o principal obxectivo do SNL da Mancomunidade de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O Servizo de Normalización Ligüística da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes (SNL) vén de facer balance do seu último ano de actividade. Un dos periodos máis intensivos no que a campañas e iniciativas se refire por parte deste departamento instaurado no ano 2013.

Así no pasado ano 2015 botou a andar a campaña de dinamización lingüística ‘O galego vende’, que a día de hoxe segue a ter continuidade e cuxo obxectivo fundamental é estender o uso da lingua galega nas relacións comunicativas do ámbito do comercio. Un labor que inclúe aspectos relativos ao asesoramento comunicativo coa clientela, ademais da supervisión da cartelería, plataformas dixitais e material publicitario e promocional.

Mención especial merecen tamén os obradoiros de lingua e literatura galegas para nenos e nenas dos primeiros cursos de primaria. De xeito lúdico e mediante a interacción co alumnado preséguese o fomento dos aspectos creativos mediante a elaboración dun cómic. Neste proexecto o persoal técnico desprazouse aos municipios de Ordes, Oroso, Frades, Tordoia e Trazo para o desenvolvemento do dito obradoiro, sendo a participación superior ao medio cento de asistentes.

Tamén se organizou e se impartíu un curso de lingua galega de axuda á preparación das probas Celga. Contactouse cos concellos para informalos do anuncio da convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Brindándolle unha nova oportunidade a toda aquela xente que quedara fóra dos cursos concedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O curso, de 40 horas de duración, contou con alumnado que tiña como motivación a obtención do Celga2 e do Celga3 de cara ao vindeiro mes de abril. 

Servizo público

Por outra banda continúa coa súa labor diaria de asesoramento lingüístico e tradución para todas aquelas entidades e administracións que así o demanden. Tamén se ocupa da organización e difusión de información relativa aos cursos e procesos formativos en materia de lingua galega, e da resolución de calquera dúbida relacionada cos certificados (atende consultas sobre validacións, certificacións…), ademais de facilitar páxinas web e recursos sobre a lingua a todas as persoas que o soliciten, co seu correspondente asesoramento.

Outro traballo importante é en base á xestión e organización de actividades concedidas tanto pola Rede de Dinamización Lingüística da SXPL da Xunta de Galicia como pola Deputación da Coruña e da creación, o mantemento e a actualización de contidos da sección do SNL na páxina web da Mancomunidade, con manuais e ligazóns de interese relacionadas coa lingua e coa normalización.

8 de febreiro de 2016 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.