publicidade hoxe

A neve condiciona a circulación no Cebreiro e Folgoso do Courel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do CourelLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+
Europa Press

A neve caída na montaña de Lugo dificulta na mañá deste xoves a circulación en dúas estradas da rede principal, en O Cebreiro e Folgoso do Courel. Segundo a información da Dirección Xeral de Tráfico, está activado o aviso de nivel amarelo, por circulación irregular, na estrada LU-633 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro e na LU-651 en Folgoso do Courel.

En ambos os dous lugares a presenza de neve é importante e está prohibida a circulación tanto a camións como a vehículos articulados.

Aínda que durante a noite estivo activada para a montaña de Lugo e Ourense a alerta amarela por neve, dende o CAE-112 Galicia informaron de que as incidencias rexistradas foron poucas e non se xeraron sinistros de importancia.

En concreto, o 112 recibiu unicamente tres alertas por neve na montaña de Lugo e Ourense, así como unha chamada por presenza de placas de xeo na estrada na localidade pontevedresa de Silleda.

ASISTENCIA NO BOLO

O xeo tamén foi a causa da asistencia ao condutor dunha furgoneta que circulaba entre Celavente e Xava, no concello ourensano de O Bolo. As placas de xeo na calzada impedíronlle seguir a súa ruta, polo que deu aviso ao 112.

Non obstante, o home non foi capaz de precisar a súa situación, polo que tivo que enviar a súa localización ao centro de emerxencias a través da aplicación móbil Alpify. Na súa axuda acudiron efectivos dos Bombeiros de Valdeorras, do GES e da Garda Civil de Tráfico.

OUTRAS INCIDENCIAS

Por outra banda, este xoves continúan os traballos para abrir ao tráfico por completo diversas vías galegas afectadas por desprendementos de terra e pedras a causa do temporal.

Segundo os datos da DGT, continúa cortada á circulación a estrada PO-406, que une as localidades pontevedresas de A Cañiza e Filgueira, debido a un desprendemento de terra e pedras acontecido hai tres días e aos traballos que se están a realizar para restablecer a normalidade.

Tamén un desprendemento mantén cortada dende o venres á circulación a estrada LU-P-1410, na parroquia de San Martín do concello lucense de Cervantes, polo que os usuarios deben utilizar itinerarios alternativos.

Na autovía A-52, pola súa banda, rexístranse varios problemas derivados de desprendementos, obstáculos na calzada e danos no pavimento polo temporal. Así, se mantén pechado un carril no quilómetro 264, en Melón (Ourense); e no quilómetro 301, en Salceda de Caselas (Pontevedra).

O Corredor do Morrazo (CG-4.1) mantén tamén pechado un carril de circulación cara a Cangas ao seu paso por Moaña polos traballos para retirar por completo os restos dun desprendemento que obrigou a cortar a vía durante a fin de semana. Neste punto, rexistrouse a última hora deste mércores un accidente de circulación con tres vehículos implicados.

Finalmente, a DGT pide precaución para circular polo quilómetro 10 da estrada PO-253, en Pazos de Borbén (Pontevedra), onde continúa cortado un carril.

18 de febreiro de 2016 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.