publicidade hoxe

A Mesa de Traballo de Desafiuzamentos reúnese para elaborar un protocolo de actuación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesSantiago de CompostelaTeo
A-
A+

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presidiu a primeira xuntanza da Mesa de Traballo de Desafiuzamentos, da que sairá un protocolo de actuación para actuar neste tipo de casos. Na primeira convocatoria participaron os colexios profesionais de Traballo Social, Avogacía e Psicoloxía, os concelleiros de Políticas Sociais dos concellos de Ames, Teo e Santiago e o colectivo Stop Desafiuzamentos. Tamén estaban convidados a Secretaría Xudicial e a Xudicatura, mais escusaron a súa ausencia nesta primeira mesa.

A concelleira de Políticas Sociais asegura que “ten por obxectivo coñecer o traballo que se está a desenvolver e manexar protocolos de intervención en casos de desafiuzamentos”. Por iso, destas xuntanzas, nas que se porán en común as ferramentas e os protocolos que se están a desenvolver noutras cidades, sairá un documento marco para a cidade de Santiago, un protocolo “transparente, claro e garantista”.

Tomouse como referencia o convenio firmado pola FEGAMP e o TSXG en 2012, que leva sen ter reflexo práctico dende que se asinou. O obxectivo destas xuntanzas pasa por desenvolvelo e levalo á práctica para darlle cobertura social e garantías ás familias que se ven nesta situacións.

Situación en Santiago

Concha Fernández destacou que os principais problemas na cidade non se relacionan con alzamentos hipotecarios, senón por alugueiros, como consecuencia “da mellora notable nos códigos de conduta e de boas prácticas nas entidades bancarias”. A concelleira recoñece que se teñen dado pasos positivos nese sentido, pero entende que é preciso continuar nunha liña de traballo e nun protocolo de actuación específico.

No caso de Santiago, o Concello interveu en dous desafiuzamentos, logrando paralos nunha situación de excepcionalidade. Recoñece a concelleira de Políticas Sociais que o Concello “so é unha parte das implicadas e adoita ser a última en ter constancia destas situacións”.

Cómpre lembrar que o Pleno da Corporación aprobou unha moción na que se declaraba Santiago cidade libre de desafiuzamentos, pautándose actuacións como a creación dunha mesa de traballo con todas as entidades implicadas e un protocolo de actuación e apoio a estas familias.

11 de febreiro de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.