publicidade hoxe

A Mancomunidade de Ordes inicia o Programa de Prevención en Drogodependencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acaba de poñer en marcha un novo servizo orientado a diminuír a problemática da drogadicción. A nova técnica especializada na rama da psicoloxía e responsable dos programas de prevención de drogodependencias, emprendidos dende o ente supramunicipal, orientará o seu labor de cara a casos concretos xa rexistrados como á poboación en xeral. Especialmente traballarase no ámbito dos sectores máis sensibles, como é o caso dos mozos e mozas ou os nenos e nenas en idade escolar.

A primeira iniciativa que se levará a cabo terá lugar este vindeiro venres, 19 de febreiro, dende as 23.30 ata as 3 horas. O Campo da Feira de Ordes acollerá un punto informativo sobre o consumo de drogas neste tipo de espazos destinados ao ocio nocturno. Nos encontros que se manteñan coas persoas que decidan aproveitar esta invitación falarase de todo tipo de drogas, incluíndo as máis habituais como o alcohol, as denominadas de deseño e mesmamente o cánnabis. Este programa ‘Creative’ vai especialmente dirixido a mozos e mozas entre os 14 e 24 anos, cos que tamén se falará doutros aspectos asociados ás noites de festa como o ruído, a sucidade nos espazos públicos, o vandalismo etc. Todo isto baixo a perspectiva de redución de riscos, baseándose a concepción do traballo preventivo no respecto á autonomía das persoas e na liberdade persoal. Iso si, deixando ben claro que aínda que a decisión de consumir é tomada por cada persoa o mellor é non facelo, baseando o dito razoamento en información obxectiva e veraz e cun asesoramento desinteresado.     

Para promover condutas responsables fomentaranse encontros entre os mozos e mozas no posto que se instalará especialmente para a ocasión. Dende este punto distribuirase material gráfico e folletos informativos, ademais de manter contactos e comunicación directa co público que ata alí se achegue.

O programa ‘Creative’ ten carácter gratuíto ao estar subvencionado pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública (Consellería de Sanidade).Cada fin de semana sitúase en diversos puntos da movida galega para contactar co maior número de persoas posible, para o que se soen situar nas zonas habituais de botellón. Ademais de aplicarse nas grandes cidades tamén se desenvolve en pobos e vilas que os equipos de prevención de drogodependencias consideren puntos de interese, tal e como decidiu a Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública no caso da Mancomunidade de Ordes.

17 de febreiro de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.