publicidade hoxe

A Lama solicita a inclusión de seis actuacións no municipio dentro do Plan Móvese da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+

O Concello da Lama solicitou o pasado mes de xaneiro a inclusión de diversas vías provinciais dentro do Plan Móvese da Deputación de Pontevedra. Estas peticións trasladadas ao ente provincial polo alcalde Jorge Canda son consecuencia das realizadas polos veciños en diversos lugares do municipio co fin de mellorar a seguridade viaria.

Entre as actuacións solicitadas polo alcalde figuran o pintado da estrada PO-0301 A Lama-Verdugo que serve de viario principal de acceso ao centro penal da Lama. Tamén se solicitou a colocación de bandas de freado en Laxedo-Covelo para evitar o paso de vehículos a gran velocidade que pon en perigo aos peóns e a outros automóbiles que se incorporan á calzada.

Outra das intervencións requiridas á Deputación de Pontevedra é a colocación de bandas de freado en O Peso, á altura do quilómetro 2 da estrada entre Ponte Verdugo e Cambeses-Barcia. Esta solución que reduce a velocidade dos vehículos tamén se solicita para o quilómetro 4 da estrada Ermidas-Pigarzos. 

Finalmente, o alcalde Jorge Canda trasladou á Deputación a solicitude do ensanche e renovación do firme do último quilómetro da estrada O Peso-Caroi cuxo informe de valoración consta xa no ente provincial posto que foi elaborado durante a xestión do anterior equipo de goberno do mesmo xeito que o ensanche e firme do últimos catro quilómetros da estrada Cambeses-Barcia que se atopa en situación de avanzado deterioración. 

Con estas obras incluídas no Plan Móvete da Deputación o Concello da Lama pretende dar solución a graves problemas de seguridade viaria que padecen estas estradas de titularidade provincial e que precisan dunha intervención que garanta a súa conservación ou que acheguen unha mellora á súa situación actual.

10 de febreiro de 2016 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.