publicidade hoxe

A irmá da edil Belén Villar garda silencio ante a xuíza sobre o curso outorgado á súa empresa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareas
A-
A+
Europa Press

A irmá da concelleira do PP en Ponteareas, Belén Villar, Benilde V. G., que foi citada este mércores para declarar en calidade de investigada polo xulgado de instrución número 7 de Vigo na chamada Operación Patos, acolleuse ao seu dereito a non declarar, segundo confirmaron fontes do TSXG.

Benilde V.G. fora citada, xunto con Joao Paulo D.S.G., como responsables da empresa Aulatel, para responder sobre a adxudicación, por parte da Xunta, dun curso de formación a esta empresa. Ambos preferiron gardar silencio, á espera de que a xuíza resolva sobre o recurso de nulidade das escoitas telefónicas.

No informe policial que figura no sumario, faise constar que a adxudicación a esta empresa do curso ‘Actividades administrativas na relación co cliente’ fíxose grazas á intervención da exdelegada da Xunta, María José Bravo Bosch e do responsable da construtora Eiriña, Enrique Alonso Pais (que tiña unha boa relación con Belén Villar). Todos eles tamén están a ser investigados.

Así, os instrutores apuntan a unha conversación telefónica na que Alonso Pais avisa a Belén Villar para que esta, á súa vez, avise á súa irmá, de que tiña que modificar a súa petición de cursos, porque tal e como estaba formulada “non recibiría nada”.

Posteriormente, cando se realiza a adxudicación do curso, a Policía sinala que a maior parte da puntuación recibida pola empresa quedou supeditada á valoración subxectiva dun técnico da Xunta, e que Bravo Bosch supostamente influíu para beneficiar a Aulatel.

24 de febreiro de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.