publicidade hoxe

A Garda Civil detén aos autores dunha tentativa de roubo con intimidación en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSucesosTui
A-
A+

A Garda Civil finalizou esta semana a investigación dun delito de tentativa de roubo con intimidación co resultado de lesións, que sufrira unha veciña de Tui a principios do ano 2012, que concluíu coa detención do catro presuntos autores.

Antecedentes dos feitos: 

Sobre as 11:30 horas do día 16 de marzo de 2012, no portal dun edificio dunha céntrica rúa de Tui unha veciña do inmoble sufriu unha tentativa de roubo con violencia. Os supostos autores, que utilizaran unha pistola eléctrica para cometer o roubo, tiveron que darse á fuga tras a contundente defensa da vítima propinándolle a un deles unha patada nos testículos 

A inesperada defensa da vítima propiciou que os autores deixasen abandonada unha mochila onde portaban os útiles necesarios e adecuados para inmobilizala, ocultar os seus rostros e manipular a vivenda sen deixar pegadas (pasamontañas, corda, bridas de plástico, luvas de latexas e tea, lanternas, coitelo, cinta de embalaxe, un chaleco e unha sudadera con capucha negros, un antifaz para durmir, un gorro de la e unha coitela de bisturí).

Modus operandi: 

Catro individuos (unha muller e tres homes), todos eles veciños de Vigo, foron os autores materiais dos feitos: 

– A muller, caracterizada co vestiario de “carteira”, en días anteriores realizou labores de información sobre os costumes da vítima. O día de autos atopábase na rúa en actitude vixiante xunto ao vehículo no que fuxiron.
– Un dos homes situouse no interior do edificio para avisar o momento no que a vítima saía de casa.
– O segundo home foi o que abordou á vítima no portal intimidándoa cunha pistola eléctrica.
– O terceiro atopábase a bordo do vehículo na rúa.

Ao chegar a vítima ao portal do edificio achegóuselle un dos individuos e propicioulle varias descargas cunha suposta pistola eléctrica que, ao parecer, non funcionou como se esperaba e propinoulle un empuxón co fin de introducila no ascensor. Cando a muller estaba no chan aproximóuselle un segundo individuo co rostro cuberto cun pasamontañas e para defenderse tivo que golpear a un deles cunha patada nos testículos, dándose os dous á fuga.

Investigación:

Por mor da perspicaz inspección ocular realizada no seu día polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Tui no lugar onde sucederon os feitos e, sobre todo, na mochila que deixaron abandonada, a finais do mes de decembro dese mesmo ano (2012) a Garda Civil puido identificar e deter a tres dos presuntos autores: JC.A.M.J., de 52 anos, JA.C.P., de 37 e a muller MD.C.M.M., de 57 anos. 

Por último, o pasado o pasado día 18 deste mes, procedeuse á detención de CL.B.F., de 57 anos, cando saía do CIS de Vigo, onde cumpría condena privativa de liberdade en terceiro grao. Esta persoa foi detida raíz do perfil xenético obtido noutro roubo con violencia e intimidación que cometería posteriormente en Vigo, ao coincidir plenamente coas mostras biolóxicas obtidas na mochila. 

Con esta detención a Garda Civil considera policialmente esclarecido unha tentativa de roubo con violencia e intimidación co resultado de lesións, que sufrira unha veciña de Tui o ano 2012.

19 de febreiro de 2016 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.