publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Fundación Xosé Neira Vilas estrea presidente e anuncia a convocatoria de dous novos premios literarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaVila de Cruces
A-
A+
Reunión da nova directiva do padroado

Reunión da nova directiva do padroado

No serán de onte día 23 de febreiro de 2016 reuníronse en Gres, Vila de Cruces, na sé da Fundación Xosé Neira Vilas, os  membros do seu Padroado, sendo esta a primeira xuntanza realizada dende o pasamento do egrexio escritor que lle da nome. Entre outros asuntos tratados, o padroado acordou por unanimidade elixir Presidente da Fundación a J. Luís Reimóndez Fernández que era ata entón Vicepresidente da entidade. O Vicepresidente será Jesús Otero Varela;  Secretaria, a escritora Rosalía Morlán e Tesoureiro, Juan Andrés Fernández Castro. Así mesmo, o Padroado acordou incorporar a dous novos membros como vogais, o artista mindoniense Xosé Vizoso e o profesor da USC e sobriño do escritor falecido, Fernando Redondo Neira, renovándose os cargos dos restantes vogais que son, nomeadamente, Antón Pena Beiroa, José Antonio Santos Castro, Alfredo Rodríguez Arteaga, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán Vello. Permanecen como Presidentes de Honra o Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia e a Presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra.

Aínda que a actividade da Fundación non cesou en ningún momento, esta sesión de traballo supón o comezo dunha nova etapa marcada inevitablemente polo triste feito acontecido pero tamén pola grande ilusión e empeño do Padroado en continuar a obra de Neira Vilas en prol da cultura e a lingua galegas, así como custodiar e divulgar a extensa obra literaria do autor de “Memorias” e de tantos outros títulos imprescindibles xa no panorama literario galego.

A Fundación Xosé Neira Vilas convocará en breve prazo dous premios literarios de nova creación. O “PREMIO XOSÉ NEIRA VILAS”, para un libro de contos ou novela inéditos destinados a nenos ou adolescentes e o “PREMIO ANISIA MIRANDA”, para un libro cunha ou máis pezas inéditas de teatro para nenos ou adolescentes. Tamén se traballará na publicación dos diferentes proxectos literarios que o autor tiña rematados (tanto en formato libro como libro-CD), e na adecuación das instalacións para converter en visitable, a modo de casa-museo, a totalidade do edificio.

Todo isto xunto con moitas outras iniciativas –algunhas xa programadas- que están por vir,  fará que permaneza viva a memoria deste galego universal que deu todo por Galicia e que repousa inesquecible na terra nai que o viu nacer.

24 de febreiro de 2016 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.