publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra ofrece a súa colaboración ao concello de Salvaterra para impulsar proxectos no municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+
Carmela Silva na visita a Salvaterra

Carmela Silva na visita a Salvaterra

Na súa primeira visita institucional a Salvaterra de Miño, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu ao alcalde, Arturo Grandal Vaqueiro, a súa colaboración para apoiar ao Concello nos plans de futuro que ten en marcha. Salvaterra recibe este ano da Deputación, máis de 630.000 €, un 46,5% máis que obtivo en 2015, grazas ao Plan Concellos 2016, que garante unha repartición xusta e equitativa dos recursos entre os 62 concellos da provincia de Pontevedra. Neste eido, o alcalde amosouse moi satisfeito co modelo do Plan Concellos implantado polo novo goberno da Deputación de Pontevedra.

A Presidenta agradeceu ó alcalde a cordialidade e disposición do goberno local para levar adiante aqueles proxectos que ambas as dúas institucións poidan desenvolver nos próximos meses. Neste sentido, amosouse satisfeita por ser Salvaterra do Miño un dos primeiros concellos en especificar en qué actuacións vai destinar o investimento da Deputación de Pontevedra. En concreto, o alcalde subliñou que o investimento aportado pola Deputación vaise a destinar a realizar pavimentacións das pistas municipais de Chans (Fiolledo); Gandarela (Pesqueiras); Fraga, Saa e Curz (Fornelos); Ferreiros e Bouza do Viso (Salvaterra); Feira, Couto e Cachopal (Lira); Couto e Ermitas (Salvaterra); rúa San Francisco (Salvaterra); Raña (Fornelos); Valiño-Cruceiro (Vilacoba); Bouzo (Meder) e Cantalarrana e Abeleira (Lourido); así como melloras no acceso ó núcleo de Abelán (Fornelos); saneamento en A Igrexa (Arantei) e a execución de dúas pasarelas peonís sobre o río Mendo e sobre o rego de Lobeira en Salvaterra.

Tamén dentro do Plan Concellos 2016, a Deputación de Pontevedra aprobou na pasada Xunta de Goberno do 29 de xaneiro unha axuda de 140.000 € para que Salvaterra poida contratar a 20 traballadoras e traballadores coa finalidade de cubrir os servizos e necesidades do concello ao longo do ano. A maiores, o novo goberno da institución provincial acaba de achegar 5.000 € para que Salvaterra poida instalar no seu concello un parque biosaudable.

Amais, nun clima de total cordialidade entre a Presidenta da Deputación e o Alcalde de Salvaterra, falouse sobre a posta en marcha das obras no campo de fútbol Fornelos – Oural, ó que a Deputación destina 331.000 € e 110.000 € o Concello de Salvaterra.

2 de febreiro de 2016 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.