publicidade hoxe

A Deputación asina addendas de convenios para impulsar obras en cinco concellos pontevedreses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaMeisPontevedraRedondelaRibadumiaVigo
A-
A+

O goberno de Carmela Silva está a firmar addendas de convenios asinados polo anterior goberno para rematar obras nos concellos de Redondela, Meis, A Estrada, Vigo e Ribadumia. Estes convenios, asinados entre 2014 e 2015, non se puideron executar en tempo debido a problemas de diferente índole na súa xestión.

En concreto, o convenio co Concello de Redondela para a “Fase III. Complexo Deportivo Santa Mariña. Redondela” foi asinado en novembro de 2014. A través del a Deputación de Pontevedra inviste 471.869,7 € para a instalación de pistas de pádel cubertas, vestiarios, instalacións complementarias e zona de aparcamento, e o Concello de Redondela 136.502,54 € en tres pistas de tenis de resina sintética. A addenda deste convenio é necesaria xa que ata decembro de 2015 non se asinou a acta positiva para o inicio das obras debido a que se estaban a desenvolver actividades deportivas nas instalacións que imposibilitaban o seu comezo.

Tamén en novembro de 2014 a Deputación de Pontevedra asinou un convenio co Concello de Ribadumia mediante o cal a institución provincial achega 179.500 € para a realización do “edificio de servizos complementarios no pavillón polideportivo de Ribadumia”. Neste caso, en novembro de 2015 asinouse unha acta de paralización das obras motivada pola licitación, por parte do Concello de Ribadumia, dun proxecto no mesmo edificio que require modificar a súa estrutura e cuberta.

En febreiro de 2015 asinouse o convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da Estrada para a execución da obra “Mellora de trazado e seguridade viaria na EP 7017 Callobre-Ponte Ledesma. Tramo Riobó-Oca”, unha actuación que non se puido iniciar por falta de dispoñibilidade dos terreos, que obrigou a que a acta de comprobación do replanteo se asinase en positivo en xaneiro deste ano. A través deste convenio, polo que a Deputación achega 499.919,61 € e o Concello da Estrada 250.000 €, realizaranse melloras na seguridade viaria que favorecerán o tránsito dos viandantes.

En Meis, en maio de 2015, asinouse un convenio entre a Deputación, o arcebispado de Santiago e o Concello a través do cal a institución provincial destina 250.000 € para a restauración da capela románica de Santa María do Mosteiro: nova cuberta, restauración de carpinterías, limpeza de fachadas e teitos, restauración do pavimento e campanario, instalación de iluminación eléctrica, construción de muros de peche… A addenda é necesaria xa que, a día de hoxe, non se concedeu a licenza municipal para a realización das obras, solicitada en xullo de 2015.

En Vigo a Deputación de Pontevedra asinou, en xullo de 2015, un convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o cal a institución provincial achegaba 150.000 € e a Xunta 4.000 € para a “mellora das instalacións deportivas no IES de Beade” (vestiarios, aseos do ximnasio e pistas deportivas). Neste caso as obras foron retrasadas pola existencia de problemas nos prezos das unidades de obra do proxecto, que a día de hoxe xa están solucionados.

23 de febreiro de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.