publicidade hoxe

A Consellería do Mar inviste 348.000 euros na colocación dun pantalán para o sector pesqueiro e bateeiro de Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

O presidente do ente público Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta tarde o peirao do Con, no porto de Moaña, para supervisar o comezo das obras de colocación dun pantalán para os profesionais do mar. O ente público investirá nestas obras máis de 348.000 euros, importe cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER. José Juan Durán tamén adiantou que está previsto iniciar nos vindeiros días a dragaxe da zona onde se emprazará o pantalán.

Estas obras realízanse debido á necesidade de aumentar a capacidade de atracada en zona abrigada. Así, colocarase un pantalán de 60 metros, aproveitando a propia dársena. Esta actuación suporá a creación de 30 novas prazas de atraque das que 14 serán para bateeiros e o resto para embarcacións menores. Estas obras tamén inclúen unha dragaxe duns 1.300 metros cúbicos de material que garanta un calado de dous metros para adecualo ás condicións das embarcacións.

O pantalán estará construído en formigón e levará 3 módulos de 3 metros de ancho e 20 metros de lonxitude. Tamén se modificará o pantalán mexilloneiro, sendo necesaria a retirada dun pilote e un módulo de 12 metros para posteriormente colocalos nunha posición oblícua á orixinal que se amplía cun novo módulo de dez metros. A pasarela/rampla de acceso ao pantalán terá dous metros de ancho e as obras engaden brazos de amarre que mellorarán a seguridade e a comodidade das prazas de embarcacións pesqueiras de artes menores.

23 de febreiro de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.