publicidade hoxe

A Consellería de Industria mobiliza 170.000 euros no impulso da competitividade do parque empresarial de Celanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+
Ángel Bernardo Tahoces na visita ao parque empresarial de Celanova

Ángel Bernardo Tahoces na visita ao parque empresarial de Celanova

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, está a colaborar cos concellos na habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao parque empresarial de Celanova, o programa permitiu o ano pasado mellorar a competitividade do polígono cunha actuación centrada na mellora da súa EDAR.

A este proxecto, salientou Bernardo Tahoces, cabe sumarlle a renovación do alumeado público levada a cabo fai tres anos, mobilizando ambas actuacións preto de 170.000 euros. O director xeral de Enerxía e Minas, que estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Ferro Iglesias, resaltou a importancia dunha orde que desde o 2009 ten permitido desenvolver na provincia 69 proxectos que suman máis de 5 millóns, contribuíndo ao impulso da competitividade do tecido empresarial ourensán.

Neste contexto, Bernardo Tahoces salientou que este ano tense impulsado unha nova convocatoria desta orde que suma preto de 4 millóns. A liña achega, unha vez máis, apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude. Así mesmo, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

A través desta liña promóvense diferentes accións que abarcan á dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso aos parques empresariais, instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia, ou sistemas contra o roubo de cables.

O obxectivo, como apuntou o director xeral, e facer accesible aos municipios a posta en marcha de actividades que aumentan a calidade do solo industrial, co obxectivo de mellorar as infraestruturas que se lle ofrecen ás industrias para que se instalen en Galicia xerando riqueza e postos de traballo.

25 de febreiro de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.