publicidade hoxe

A Consellería de Educación mobiliza 20 millóns de euros en dous anos en centros da área da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCarralCulleredo
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao IES de Cullerdo. Foto: M. Fuentes

Román Rodríguez na visita ao IES de Cullerdo. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o novo IES de Culleredo, que botou a andar en xaneiro con 110 rapaces e rapazas (tres grupos de 1º de ESO e un de 2º de ESO), aínda que conta cunha capacidade para acoller 480 alumnos nos vindeiros cursos. Coa posta en marcha deste instituto (xunto co novo IES de Carral e o novo CEIP de Nós,en Oleiros), a Consellería vén de habilitar no actual curso escolar preto de 1.300 novas prazas educativas na área metropolitana da Coruña, ás que se engadirán outras 900 nos vindeiros anos. É dicir, estamos a falar de 2.200 prazas escolares de nova creación, grazas á mobilización de 20 millóns de euros en dous anos tan só nesta área.

Román Rodríguez subliñou que esta obra é un expoñente do esforzo que está a facer o seu departamento para dotar de infraestruturas educativas de calidade aquelas zonas xeográficas onde os datos demográficos así o esixan. Non en balde, neste mesmo termo municipal a Consellería vai construír outro novo CEIP co fin de atender a demanda de prazas que se están a producir nesta zona nas etapas de Educación Infantil e de Primaria. Segundo explicou o conselleiro, está a piques de adxudicarse este mesmo mes o proxecto construtivo deste centro co fin de licitar as obras no verán e comezar a súa construción a finais deste ano. O obxectivo é que o futuro colexio -con capacidade para 450 nenos e nenas e cun custe estimado de 4 millóns de euros- poida abrir as súas portas para o curso 2017/2018.

Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.

Parcela de Novo Mesoiro

Doutra banda, no concello da Coruña, a Consellería está traballando para a construción dun colexio en Novo Mesoiro, atendendo así ás necesidades dunha zona de importante crecemento demográfico. Educación xa comunicou ao Concello a parcela elixida e, no momento en que o Goberno municipal poña formalmente o terreo a disposición da Xunta, iniciaranse os trámites de contratación do proxecto técnico de obra.

Tamén na Coruña están concluídas as obras de ampliación do CEIP Plurilingüe Manuel Murguía, onde se investiron 450.000 euros na construción de catro novas aulas polivalentes, comedor, patio cuberto e ascensor.

Datos do IES de Culleredo

Cunha inversión que acada os 4,5 millóns de euros (entre obra e equipamento) o IES ten capacidade para acoller 480 alumnos e alumnas, ao contar con 16 aulas: 12 de ESO e 4 de bacharelato. O edificio está composto por dous volumes, situados a dous niveis. Na planta baixa do volume principal sitúase o vestíbulo, así como o bloque de administración, dirección e sala de profesores. Tamén alberga a zona de laboratorios, talleres de tecnoloxía e correspondentes aseos. Na primeira planta deste mesmo volume están as aulas de plástica, informática, música, desdobre e a aula polivalente, así como a biblioteca, seminarios, cafetería e cociña. As 16 aulas sitúanse na segunda planta.

En total, a superficie do edificio é de 4.855,86 metros cadrados, aos que se lle suman os 1.188,60 da pista polideportiva cuberta no segundo volume do centro, onde se agrupa toda a zona deportiva -ximnasio e vestiarios- , cun acceso directo desde a vía pública.

15 de febreiro de 2016 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.