publicidade hoxe

A conselleira de Medio Rural pon a granxa ‘O Cancelo’ como exemplo de transformación, innovación e dinamización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á granxa O Cancelo. Foto: M. Fuentes

Ángeles Vázquez na visita á granxa O Cancelo. Foto: M. Fuentes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá as instalacións da Granxa O Cancelo, sita no concello coruñés de Miño, onde destacou a importancia de adaptarse aos tempos coa conseguinte innovación e modernización das instalacións, así como aproveitar as demandas da sociedade para valorización os produtos e mellorar a súa calidade.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, subliñou que esta granxa é un claro exemplo de que a diversificación da actividade é una aposta segura, xa que consegue abrir novas vías de mercado e afianzar o produto que está a ofrecer.

Neste senso, a conselleira lembrou que o seu departamento destina para este ano un total de 14,3 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Estas axudas, sinalou, teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

A conselleira felicitou aos propietarios desta explotación por apostar pola transformación e distribución dun produto con sabor diferenciado e con garantía de calidade, xa que Granxa O Cancelo distribúe leite fresco -pasteurizado na propia granxa- mediante máquinas expendedoras e embotellado en pequenas tendas, panaderías ou comunidades de veciños. Un proxecto ao que hai que sumarlle unha nova iniciativa, que non é outra que a creación de xeados artesáns elaborados con leite da granxa para ser distribuídos a través de establecementos hostaleiros e pequenas tendas.

Acción divulgativa

A conselleira e o resto de autoridades tamén coñeceron a “Aula de divulgación do sector lácteo”. Esta iniciativa ten como obxecto realizar un traballo de transmisión á sociedade da importancia do sector lácteo a nivel económico, social e medioambiental. Emprégase para recibir visitas de escolares e consumidores.

A titular de Medio Rural agradeceu este tipo de proxectos, xa que esta aula tamén serve como centro de formación continua para persoal técnico das explotacións de asesoramento coa organización de xornadas técnicas e de divulgación.

17 de febreiro de 2016 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.