publicidade hoxe

A Agasp aumentará cursos, prazas e colectivos de alumnos no seu programa formativo 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Presentación do Plan de Formación 2016

Presentación do Plan de Formación 2016

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presentou hoxe en rolda de prensa o Plan de formación 2016 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que se caracteriza, entre outros aspectos, pola inclusión de novos colectivos e por un aumento do número de cursos e prazas ofertadas.

Segundo Menor, que tamén dirixe a Academia estradense, o centro retomará a formación de xuíces, fiscais e letrados, aos que se lles impartirán curso relacionados con temas de actualidade como as reformas do Código Penal, a Lei de Enxuizamento Criminal, A Mediación penal ou o Estatuto da Vítima, entre outros.

Así mesmo, en 2016 porase en funcionamento o primeiro Plan de Formación para Policía Nacional e Garda Civil, froito dun convenio “histórico” asinado a finais do ano pasado co Ministerio de Interior e que busca consolidar á Agasp como o punto de encontro entre todo o persoal da seguridade pública e de emerxencias que traballa en Galicia.

Neste sentido, o director xeral tamén avanzou que o centro formativo da Estrada iniciará os contactos pertinentes para incluír no seu programa formativo aos funcionarios de institucións penitenciarias e aos axentes forestais e medioambientais da nosa Comunidade.

Os corpos de seguridade que xa viñan recibindo formación na Agasp -Policía Local e Autonómica- introducirán tamén importantes novidades nos seus programas de estudos. É o caso dos cursos sobre redes sociais, ética policial, negociación ou intervención en casos de burn out ou ‘síndrome do queimado’, para policías locais; ou sobre a modificación da Lei de Montes, o rastrexo de persoas desaparecidas ou salvamento e submarinismo, para a UPA.

Un novo horizonte de formación

Menor tamén destacou que desde finais do ano pasado a Agasp está a iniciar un “novo horizonte de formación”, encamiñado aos itinerarios profesionais, á obtención do certificado de profesionalidade en emerxencias e á consecución de títulos oficiais, como o de Técnico Deportivo en Salvamento e Socorrismo e de Técnico de emerxencias e Protección Civil, para os que colabora coa Consellería de Educación.

Ademais, como novidade, a partir deste ano o Título Oficial de Técnico de Emerxencias e Protección Civil impartirase por primeira vez por módulos específicos -concretamente tres- e non só como ciclo completo, o que supón unha gran vantaxe para o alumnado.

Para facilitar este tipo de formación entre os voluntarios de Protección Civil, primaranse as solicitudes das persoas desempregadas, ás que a Agasp lles facilitará a residencia gratuíta e a manutención o tempo que duren os cursos. Esta medida iniciouse xa a finais do ano pasado, cando se primaron un milleiro de solicitudes deste tipo, das cales máis de cen obtiveron manutención e residencia gratis.

Balance 2015

O director da Agasp aproveitou tamén para facer un pequeno balance da actividade da Academia ao longo do ano pasado. Entre outros aspectos, destacou que se fixeron 316 actividades para as que se ofertaron 12.784 prazas -case o 40 por cento máis respecto a 2014- e preto de 10.000 horas de formación.

Menor quixo destacar a formación relativa á loita contra a violencia de xénero, unha das prioridades da Xunta e para a que se mantén unha fluída colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, organismo que tamén depende da Vicepresidencia. Entre 2011 e 2015 leváronse a cabo 26 actividades formativas para 743 alumno/as, fundamentalmente axentes das policías locais e autonómica. Seis destes curso tiveron lugar tan so o ano pasado.

24 de febreiro de 2016 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.