publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Valentín García participa na homenaxe que Meira rende ao poeta galego Avelino Díaz coa posta do seu nome ao CEIP da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeira
A-
A+

O Colexio de Educación Infantil e Primaria Poeta Avelino Díaz da localidade lucense de Meira presentou oficialmente hoxe o seu novo nome dedicado ao devandito escritor nun acto no decurso do cal se procedeu ao descubrimento dunha placa conmemorativa.

Á cita asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Meira, Antonio de Dios, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias; entre outras autoridades e persoeiros. O acto completouse con actuacións musicais, lecturas de poemas, o descubrimento da placa identificativa do colexio e as intervencións das autoridades presentes.

O secretario xeral de Política Lingüística centrou as súas palabras na figura de Avelino Díaz, e destacou “a súa ampla produción literaria maioritariamente en galego e a súa estreita amizade con Castelao, de quen foi colaborador”. Valentín García engadiu que “este ilustre poeta mantivo sempre o seu compromiso coa lingua e a cultura propias de Galicia, aínda residindo a maior parte da súa vida fóra dela”.

García Gómez subliñou que o “poeta de Meira” foi un destacado versificador, que impulsou a edición dos seus propios libros e colaborou sempre co galeguismo bonaerense dun xeito moi activo, “o que -engadiu- xustifica plenamente o proceso de posta en valor da súa vida e obra na que está a colaborar a Secretaría Xeral de Política Lingüística”.

Aproveitando a cita, a dirección do CEIP Avelino Díaz presentou o calendario do ano 2016. Elaborado pola asociación homónima e pola comunidade educativa do centro, conta coa SXPL da Xunta de Galicia entre as súas entidades colaboradoras. Cunha tirada de 800 exemplares, presenta fotos, debuxos e versos autoría de Avelino Díaz; co que se pretende unha maior difusión da figura e da obra deste poeta.

Avelino Díaz, o poeta de Meira

Aínda que nacera en Riotorto, en 1897, de neno marchou para Meira, a localidade que lle rende homenaxe. Con só doce anos de idade emigra por primeira vez á Arxentina, cando “un parente aventureiro e cobizoso me trouxo para América, sen que eu tivese desexos”, como el mesmo deixou escrito.

Logo dunha volta a Meira con dezaoito anos, e dun regreso á emigración vía Cuba e Chile, aséntase definitivamente en Bos Aires. Alí, ademais de manter amizade con Xosé Neira Vilas, casa cunha emigrante navarra, con quen ten catro fillos.

Avelino Díaz morre o 29 de marzo de 1971, e é soterrado no Panteón do Centro Galego de Bos Aires, a carón das tumbas de Castelao e Suárez Picallo, persoeiros que profesaron unha grande amizade e admiración por Díaz.

Avelino Díaz publicou tres libros de poemas, dous deles en galego: ‘Debezos’ e ‘Pallaregas’. O primeiro é un poemario dedicado a todos os galegos que, en Galicia e fóra dela, loitan pola súa liberdade; unha mostra clara do compromiso que o autor sentía pola súa terra natal. ‘Pallaregas’ é unha colección de trinta e seis poemas dedicados “á casta da que proveño, á clase á que pertenzo, ao meu pobo en suma”, escribiu. Unha temática variada na que destacan a natureza, a muller, os nenos… sen que lle esquecera o seu tema recorrente: a nostalxia e maila lembranza a Galicia.

En 1996, e cadrando co vinte e cinco cabodano do seu pasamento, o Centro Lucense de Bos Aires publicou ‘Once poemas a Castelao’; uns versos que o poeta de Meira deixara escritos e dedicados ao seu amigo de Rianxo. Pero, segundo María Isabel Freire, profesora compostelá e estudosa da figura e da obra de Avelino Díaz, “existe unha gran cantidade de poemas inéditos, espallados por carpetas e, nalgúns casos, desgraciadamente desaparecidos. Fálase dunha obra inédita de 700 poemas que están pendentes dunha investigación profunda e rigorosa que contribuiría a unha interpretación global da figura deste autor”.

28 de xaneiro de 2016 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.