publicidade hoxe

Un total de 40 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras dunha senda peonil en Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

Un total de 40 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras dunha senda peonil entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar, no Concello de Touro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba o pasado 18 de decembro a licitación do concurso para a execución das actuacións dunha senda peonil destinada a mellorar a seguridade viaria na estrada autonómica AC-240.

Estes traballos teñen un orzamento de 500. 914,17 euros e a previsión de executalas no ano 2016. Contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

O proxecto define a execución de sendas de formigón polas dúas marxes da estrada entre Fonte Díaz (PK 12+900) e o empalme de Vilar (PK 25+800), en treitos descontinuos que complementarán ás beirarrúas e senda xa existentes nalgúns tramos. O seu obxectivo é dotar a este treito da estrada dunha zona diferenciada para o tránsito de peóns.

Coa solución prevista a estrada contará cun itinerario peonil continuo pola súa marxe dereita en todo o tramo de actuación e tamén con sendas nos tramos mais consolidados da marxe esquerda. Para isto, construiranse máis de 5,5 quilómetros de nova senda, discorrendo case 1,7 km pola marxe esquerda e preto de 3,6 km pola marxe dereita, e repararanse máis de 650 metros de tramos xa existentes. As obras levaranse a cabo na zona de dominio público do vial, polo que non se precisarán expropiacións.

Adoptaranse distintas tipoloxías construtivas en función do espazo dispoñible e dos usos consolidados nas marxes da estrada. As diferentes solucións permitirán tanto a circulación dos peóns, coma a axeitada drenaxe da estrada.

A consellería que dirixe Ethel Vázquez aposta por este tipo de actuacións, coas que se facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais se fomenta unha mobilidade peonil máis respectuosa co medio ambiente, alternativa ao uso do vehículo privado.

26 de xaneiro de 2016 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.