publicidade hoxe

Un total de 31 empresas presentaron ofertas para a redacción dos proxectos de rehabilitación de tres edificios no casco vello de Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

Un total de 31 empresas presentaron ofertas para a redacción dos proxectos básicos e de execución, así como a dirección de obra, das obras de rehabilitación de tres edificios propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda emprazados no casco vello de Betanzos. O pasado mes de novembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a licitación da redacción de proxectos, por un importe total de 71.541 euros.

Os tres edificios a rehabilitar polo departamento que dirixe Ethel Vázquez están emprazados na rúa Clérigos 13, rúa da Cerca 9 e rúa da Cerca 13 e nos mesmos obteranse oito vivendas e tres locais comerciais. As vivendas serán calificadas como de promoción pública e pasarán a integrar o parque de vivenda pública en alugueiro propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que na actualidade conta con preto de 3.000 vivendas adxudicadas en réxime de aluguer.

Cando se remate a rehabilitación dos tres edificios, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) terá investidos arredor de 1,2 millóns de euros entre o custe de adquisición dos mesmos, traballos técnicos e obras de rehabilitación.

Esta actuación está incluída no programa de rehabilitación pública de vivendas do Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, aluguer e mellor acceso á vivenda 2015-2020, que xa ten a meirande parte dos seus programas en execución.

Clérigos 13

A redacción do proxecto de execución e dirección de obra para a rehabilitación do edificio emprazado no número 13 da rúa Clérigos licitouse por un importe de 9.910,75 euros e un prazo de execución de tres anos. Para a mesma presentáronse 12 propostas.

Coa rehabilitación deste edificio obterase unha vivenda e un local comercial no baixo.

En total, preveese que o IGVS invista preto de 200.000 euros entre a rehabilitación e o custe de adquisición da propiedade.

Cerca 9

A redacción dos proxectos básico e de execución xunto coa dirección da obra de rehabilitación do edificio da número 9 da rúa da Cerca licitouse por importe de 29.734,83 euros e un prazo de execución de tres anos e medio. En total foron 11 as ofertas presentadas.

No edificio da rúa da Cerca 9 prevese obter tres vivendas e un local comercial no baixo.

O investimento total na rehabilitación deste edificio achegarse aos 400.000 euros.

Cerca 13

Para o edificio da rúa da cerca 13 licitouse a redacción dos proxectos básico e de execución e a dirección de obra, por un importe de 31.896,33 euros e un prazo de execución de tres anos e medio. Foron oito as propostas presentadas.

Coa rehabilitación obteranse catro vivendas e un local comercial no baixo.

O investimento no edificio da rúa da Cerca 13 achegarase aos 600.000 euros entre o custe da rehabilitación e de adquisición do mesmo.

20 de xaneiro de 2016 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.