Un home morre en Cangas tras caer desde un sexto piso a un patio de luces
Un home faleceu na tarde deste venres no concello pontevedrés de Cangas do Morrazo tras sufrir unha caída de altura. Segundo informou o particular que chamou ao 112 para solicitar axuda, o home precipitouse desde un sexto piso a un patio de luces.
Unha vez informados os servizos sanitarios de urxencia, indicaron que a persoa non estaba accesible, polo que o persoal do 112 requiriu a presenza dos bombeiros de O Morrazo.
Finalmente, non foi necesaria a súa intervención, xa que os efectivos de Protección Civil de Cangas conseguiron acceder ao home e rescatalo. Os técnicos sanitarios só puideron confirmar o falecemento.
Polo momento, segundo informou o CAE 112, descoñécense as causas deste suceso, do que se tivo constancia ao fío das 17,00 horas.
Até o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Médicas, efectivos do parque comarcal de bombeiros de O Morrazo, Protección Civil e forzas da orde.